publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

A Xunta licita a redacción do estudo de impacto ambiental da nova ponte sobre a ría de Viveiro e o proxecto de construción da actualización da VAP da Costa Norte

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaSan SadurniñoViveiro
A-
A+

A Consellería de Infraestruturas e Vivenda publica hoxe no Diario Oficial de Galicia (DOG) a licitación da redacción do estudo informativo e de impacto ambiental e do proxecto de construción da actualización da Vía de Altas Prestacións (VAP) da Costa Norte, no treito entre San Sadurniño e Sanguiñeira, así como da nova ponte sobre a ría de Viveiro e a conexión da VAP coa estrada LU-540.

Este contrato, que se licita por un orzamento de máis de 435.000 euros, ten un prazo de presentación de ofertas con data límite o vindeiro 26 de abril. No seguinte enlace ao DOG, máis información: https://goo.gl/M4wf2i

Estes proxectos están enmarcados nas actuacións a curto, medio e longo prazo nos que está a traballar a Xunta para avanzar na Vía de Altas Prestacións (VAP) da Costa Norte e mellorar as comunicacións das comarcas da área, é dicir, Ferrol, Ortegal e A Mariña Lucense.

No referente á VAP, na parte da Mariña Lucense tense avaliado que unha nova ponte sobre a ría de Viveiro é unha solución viable e máis eficiente, xa que presenta menos afeccións ambientais, reduce o impacto sobre o territorio e sobre as persoas e presenta unha maior viabilidade técnica e económica. Ademais, resolverá mellor a mobilidade dos usuarios, porque, con respecto ao trazado da variante interior, reducirá á metade o tempo de conexión entre Celeiro e Covas, sen penalizar os desprazamentos que vaian cara Lugo, posto que precisarán do mesmo tempo de percorrido.

Trátase dunha ponte de 1,7 km que se completará cun novo vial cara o sur, do que se estudará o mellor trazado posible. Deseñarase cos criterios estéticos precisos para converterse nun símbolo da comarca, como ten conseguido, por exemplo, a Ponte dos Santos en Ribadeo ou a variante de Noia.

O Goberno galego tamén contempla seguir mellorando o proxecto do primeiro treito da provincia da Coruña, polo que se aproveita a necesidade dunha actualización técnica do proxecto construtivo para incrementar a eficacia e a eficiencia do treito de San Sadurniño. Por exemplo, levando a VAP ata a Autovía Ferrol- Vilalba e incorporando ao proxecto un novo enlace directo que favorecerá os traxectos de e cara Ferrol e facendo pequenos axustes que melloran a eficiencia do proxecto.

Trátase dun estudo completo que permitirá contar con proxectos de dous treitos da VAP da Costa Norte: actualizados á nova normativa técnica, afinados no referente a responder mellor ás necesidades dos seus territorios e máis eficientes, facendo un uso máis responsable dos recursos e máis viable a súa execución.

8 de marzo de 2018 | 17:29 • Sen comentarios

Comentarios pechados.