publicidade hoxe

A Xunta inviste 14 millóns de euros en mellorar a eficiencia enerxética de 29 colexios nos últimos tres anos

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaLocal PortadaOutes
A-
A+
Román Rodríguez na visita ao CEIP Plurilingüe de Outes

Román Rodríguez na visita ao CEIP Plurilingüe de Outes

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria inviste preto de 14 millóns de euros nos últimos tres anos en mellorar a eficiencia enerxética dun total de 29 colexios en toda Galicia. De feito, esta mesma semana estarán xa licitadas todas as actuacións previstas para o presente ano, que abranguen a rehabilitación integral de nove centros escolares cun investimento de 4,8 millóns de euros, cofinanciados por fondos Feder. A isto hai que engadir os 8,5 millóns investidos entre 2016 e 2017 noutros 20 colexios entre os que se atopa o CEIP Plurilingüe de Outes, que hoxe visitou o conselleiro de Educación, Román Rodríguez.

Precisamente no Día da Eficiencia Enerxética, o conselleiro puxo en valor a aposta do seu departamento polo medio ambiente, que se basea no deseño dunha serie de actuacións concretas para a mellora enerxética e funcional daqueles centros educativos máis antigos cuxas infraestruturas non se adecúan aos parámetros actuais. Por tal motivo, é necesario acometer obras (principalmente illamento de fachadas e cubertas, e substitución de ventás e luminarias) co fin de acadar un maior aforro enerxético, cun menor custo derivado do consumo de luz e calefacción; ao tempo que se mellora a confortabilidade dos usuarios dos propios centros.

Así mesmo, o conselleiro lembrou que no deseño destes proxectos de mellora enerxética participan arquitectos novos, polo que se xeran novas oportunidades de emprego para a xente moza ao tempo que se conciencia aos rapaces na importancia do coidado do medio ambiente.

Todas estas obras de rehabilitación integral enerxética e funcional dos centros escolares forman parte do Plan de Dotación de Infraestruturas Educativas 2016-2020, dotado cun orzamento de 118,5 millóns de euros para este período.

CEIP Plurilingüe de Outes

Na súa visita ao CEIP Plurilingüe de Outes, na que estivo acompañado do secretario xeral técnico da Consellería, Jesús Oitavén; Román Rodríguez puido comprobar o resultado dos traballos de mellora enerxética realizados neste centro, que supuxeron un investimento de máis de medio millón de euros, e que permitiu o illamento da fachada, a colocación de novas ventás e luminarias e a reparación e pintado dos paramentos interiores do centro.

No que atinxe aos proxectos educativos, o conselleiro destacou que este centro ten integradas dúas das liñas estratéxicas impulsadas polo seu departamento, como son o plurilingüismo, coa ampliación este ano á etapa de Infantil (Plurinfantil), e a participación nos Contratos-Programa coas liñas PROA (de reforzo, orientación e apoio fóra do horario lectivo) e de Mellora das competencias clave en matemáticas e en comunicación lingüística.

5 de marzo de 2018 | 16:17 • Sen comentarios

Comentarios pechados.