publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

A Xunta incrementa as axudas ás escolas infantís de iniciativa social para reforzar os recursos de conciliación

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaTuiVigo
A-
A+

A directora xeral de Familia, Infancia e Dinamización demográfica da Consellería de Política Social, Amparo González Méndez, visitou hoxe a escola infantil de Cáritas Tui-Vigo, centro de iniciativa social subvencionado pola Administración autonómica. Este recurso de conciliación presta atención a 54 nenos e nenas con idades comprendidas entre 0 e 3 anos, dispoñendo de servizos tanto de comedor como de transporte.

Amparo González, que estivo acompañada do delegado territorial da Xunta, Ignacio López-Chaves, destacou o importante papel que desenvolven estas escolas de iniciativa social (EPIS) no fomento da conciliación da vida laboral e familiar, nas que se presta un servizo de calidade e coas mesmas taxas en atención educativa que os centros da rede galega de escolas infantís da Galiña Azul.

De feito, nos últimos tres anos, desde a creación da Consellería de Política Social, o apoio económico ás EPIS aumentou nun 13%, pasando dos algo máis de 3 millóns de euros en 2015 aos 3,4 da actuais. Cómpre lembrar que a anterior convocatoria de axudas beneficiou a 48 centros e que permitiu sustentar con fondos públicos un total de 2670 prazas para nenos e nenas de 0 a 3 anos en toda a xeografía galega.

Amparo González tamén se referiu ás actuacións de mellora destes centros de iniciativa social que está a desenvolver o Executivo autonómico a través dunha nova liña de axudas dotada dun crédito de 600.000 euros e que conta con financiamento do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder). Estas axudas son unha mostra máis do “compromiso da Xunta coa calidade da atención educativa na primeira etapa da aprendizaxe dos nenos e nenas, así como coa vontade de que as familias galegas dispoñan dos mellores recursos de conciliación para os seus fillos e fillas”, dixo a responsable de Familia.

Por último, a directora xeral informou de que esta escola de Cáritas Tui-Vigo recibiu unha subvención de preto de 74.000 euros para o mantemento do centro. Ademais, insistiu en que a atención á infancia e o apoio á familias é unha prioridade para o conxunto do Goberno galego e ten o seu reflexo no desenvolvemento das medidas do Programa de apoio á natalidade (PAN Galicia). Así, a orde de axudas ás EPIS forma parte do PAN Galicia, xunto con outras medidas como os bonos Coidado e Concilia, as Casas Niño ou a posta en marcha de escolas infantís en contornas empresariais.

6 de marzo de 2018 | 18:01 • Sen comentarios

Comentarios pechados.