publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

A Xunta incoa o expediente de declaración do Parque do Pasatempo de Betanzos como Ben de Interese Cultural

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaBetanzosGaliciaLocal PortadaPortada esquerda
A-
A+

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria publica hoxe no Diario Oficial de Galicia (https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2018/20180319/AnuncioG0164-060318-0001_gl.html ) a resolución pola que se incoa o expediente para declarar ben de interese cultural (BIC), coa categoría de xardín histórico o Parque do Pasatempo de Betanzos, tamén coñecido como O Pasatempo, Parque Enciclopédico, Xardíns do Pasatempo ou a Horta de Don Xoán. A partires deste momento, ábrese un período de información pública durante o prazo dun mes. En calquera caso, de forma inmediata, aplicarase o réxime de protección que establece a Lei 5/2016, do 4 de maio, do patrimonio cultural de Galicia, para os bens de interese cultural en xeral e para os xardíns históricos en particular.

O expediente propón como ámbito BIC unha extensión de 10.184 m2, incluíndo os dous únicos elementos da parte baixa do parque que se conservan no seu lugar orixinal, nomeadamente a estatua da Caridade e a fonte das Catro Estacións. En concreto a delimitación axústase á parcela física na que se asenta a parte alta do parque, en base á cartografía máis detallada posible, que foi facilitada polo Concello de Betanzos.

O contorno de protección, de 355.352 m2, axústase á ribeira do río Mendo polo leste; polo norte ás parcelas que dan fronte á avenida Carregal; polo noroeste ao camiño público que comunica O Carregal con Abelares; polo leste ao Camiño Real da Infesta; polo suroeste ao regato do Escorial; e polo sur e sureste ás parcelas de solo urbano cualificadas polo planeamento como uso empresarial.

Cómpre ter en consideración, dentro deste contorno de protección, a delimitación do que foi a parte baixa do parque, onde se atopa a estatua da Caridade e a fonte das Catro Estacións. De feito, o propio expediente indica que será precisa a realización de actividade arqueolóxica preventiva nesta parque no caso das intervencións que supoñan movementos de terras, co obxecto de poder documentar ou, no seu caso, recuperar elementos que poidan ser de interese para o coñecemento e interpretación do Parque.

Un exemplo de filantropía

O emigrante betanceiro Juan María García Naveira comezou a adquirir os terreos do Pasatempo no ano 1883 e iniciou a súa construción 10 anos despois. A maior parte do parque estaba construída no ano 1914, porén continuouse ampliando e modificando ata o ano 1933, cando morreu o seu promotor, do que algún autor deduce que o parque é unha obra inacabada, na que non se remataron as dúas últimas terrazas.

O xardín é un exemplo representativo da tradición filantrópica galega e, concretamente, da que desenvolveron os indianos ao seu regreso de América a finais do século XIX e principios do XX.

Neste sentido destaca o seu modo de construción, dando emprego a obreiros locais, así como a función pública e, sobre todo, a finalidade didáctica deste espazo. Non en balde, o Pasatempo é un dos primeiros exemplos de proxectos con vocación científica que podemos atopar en Galicia, no que por primeira vez se amosan certos avances técnicos que ían caracterizar o século XX, o que lle valeu a denominación de Parque Enciclopédico.

Ademais, o espazo conta cuns singulares valores culturais, derivados do considerable número de manifestacións pictóricas e escultóricas – de desigual valor- cos que conta, representativas do eclecticismo dos movementos artísticos de finais do século XIX, un compendio de disciplinas artísticas que acolle tamén mostras dunha arquitectura exótica. O propio expediente indica que o feito de que numerosos elementos do Parque sexan copias, máis ou menos literais, de obras da arte universal non lles resta valor, “xa que a maioría das veces hai unha reinterpretación dos modelos, con modificacións que lle outorgan unha lectura local, ou con cambios de materiais, que lle engaden novos significados e valor artístico”. É preciso, en calquera caso, salientar tamén a especial relevancia do complexo significado das esculturas dos Irmáns García Naveira e da Caridade, o que constitúe un conxunto de elementos pictóricos e escultóricos único e de especial relevancia na historia da arte plástica galega.

Xardín singular

A resolución publicada hoxe no DOG destaca tamén os particulares sistemas de grutas e estanques que caracterizan o parque, así como a singularidade da configuración da natureza no Pasatempo, que recolle diversos aspectos da longa tradición da xardinería europea pero constitúe unha testemuña única e excepcional, ao apartarse da tradición local dos pazos galegos e da propia arquitectura indiana.

A compoñente vexetal dominaba, de feito, na parte inferior do Parque, que xa non se conserva, na que se podían distinguirse a zona de entrada cun xardín de carácter xeométrico, unha zona de estanques e fontes, a área de xardíns temáticos, un bosque ocupado parcialmente polo zoo e a horta.

Polo tanto, o interese técnico, científico e artístico deste espazo, unha obra senlleira pola súa singularidade, considéranse suficientes para iniciar os trámites para a declaración BIC deste ben e outorgarlle a máxima protección.

19 de marzo de 2018 | 17:03 • Sen comentarios

Comentarios pechados.