publicidade hoxe

A Xunta habilitará unha liña de axudas por dous millóns de euros para fomentar a reforestación con carballos e bidueiros da Rede Natura 2000

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaPortada esquerda
A-
A+
Rolda de prensa de Beatriz Mato. Foto: M. Fuentes

Rolda de prensa de Beatriz Mato. Foto: M. Fuentes

A Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio integrará unha nova medida no programa de Desenvolvemento rural (PDR) 2014-2020, para fomentar a reforestación de zonas Rede Natura 2000 con exemplares de carballos e bidueiros.

A consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, Beatriz Mato Otero, avanzou esta mañá que grazas a unha modificación do PDR -que a Comisión Europea considera oportuna- aprobase que unha nova medida de medio ambiente e cambio climático se incorpore a este programa que conta con fondos europeos Feader (Fondo Europeo de Desenvolvemento Rural). A Xunta xestionará un orzamento de case dous millóns de euros para a posta en marcha destas medidas de conservación do patrimonio natural de Galicia, que xa se poderán solicitar neste mes de marzo, tras a súa publicación no Diario Oficial de Galicia, e da que se beneficiarán preto de 3.000 persoas.

Grazas a esta ferramenta realizaranse pagos a aqueles particulares que o soliciten por compromisos silvoambientais e climáticos e conservación dos bosques, é dicir, trátase de compensar a adopción de compromisos silvoambientais e climáticos máis estritos que os establecidos pola normativa vixente e que sexan realizados de forma voluntaria. Tal e como explicou a conselleira, na actualidade están permitidas as plantacións de eucaliptos xa existentes; o que se pretende con esta medida é compensar a aqueles propietarios que asuman o compromiso de retirar as súas plantacións co obxectivo de mellorar estes espazos protexidos.

Deste xeito, os propietarios poderán substituír plantación de eucaliptos por frondosas, coa finalidade de aumentar a superficie dos bosques autóctonos. Esta medida está dirixida a todas as zonas I (territorios cun nivel de conservación moi alto) e II (territorios cun nivel de conservación alto e medio) da Rede Natura 2000 das áreas de montaña.

Outra opción é que os particulares opten pola repoblación de eucalipto sobre hábitats turbófilos e queirogais húmidos, polo que esta medida beneficiaría a todas as zonas da Rede Natura 200 onde se localicen este tipo de hábitats.

As turbeiras son zonas en cuxa conservación a Consellería está a traballar intensamente, para a eliminación total dos eucaliptos; porque esta especie non debería existir nesta zona. Os complexos de turbeiras e queirogais húmidos presentan unha gran importancia ecolóxica e xogan un papel fundamental na mitigación do cambio climático, ao ser considerados como unha das maiores reservas de carbono, por absorber e almacenar dióxido de carbono da atmosfera.

Na actualidade, existen na totalidade da Rede Natura 2000 6.100 hectáreas de turbeiras e 15.000 ha de queirogais húmidos, distribuídas en 33 Zonas de Especial Conservación (ZEC). Os hábitats de turbeira máis extensos sitúanse: na Serra do Xistral, no norte da provincia de Lugo; na provincia da Coruña, as máis relevantes están na zona de San Sadurniño e A Capela (ZEC Xubia-Castro) e en Toques (ZEC Serra do Careón). No caso da provincia de Ourense, hai bos exemplos de turbeira na ZEC Pena Trevinca (concellos de Viana do Bolo e A Veiga), na zona do Xurés (concellos de Verea e Quintela de Leirado) e no Macizo Central (concellos de Manzaneda, Chandrexa de Queixa e Vilariño de Conso) e, por último, no caso de Pontevedra, destacan as turbeiras da Serra do Cando, nos concellos de A Lama e Cerdedo.

12 de marzo de 2018 | 16:56 • Sen comentarios

Comentarios pechados.