publicidade hoxe

A Xunta facilitou que máis de 370 xóvenes realizaran prácticas formativas en 27 países da UE a través de Galeuropa

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGalicia exteriorPortada dereita
A-
A+

A Consellería de Política Social, a través do programa Galeuropa da Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, fixo posible que 372 mozos e mozas galegos con menos de 30 anos de idade realizaran prácticas formativas non retribuídas en empresas e entidades públicas ou privadas de países europeos durante o pasado ano 2017. Esta iniciativa permitiu ás persoas participantes retornar a Galicia cunha experiencia que lles aportou unha maior preparación e un currículo máis amplo para a súa inserción laboral no tecido empresarial da comunidade, constituíndose así como unha iniciativa clave para potenciar e reter en Galicia o talento da xente nova do país.

Galeuropa 2017 contou cun orzamento de 2.176.515,40 euros, financiado en parte pola Iniciativa de Emprego Xuvenil e o Fondo Social Europeo, para a concesión de axudas a facilitar a mobilidade da mocidade. As achegas económicas concedéronse directamente de xeito individual -estas sumaron un montante de 676.515,40 euros e beneficiaron a 139 mozos e mozas-; a proxectos presentados por entidades sen ánimo de lucro –destinouse un millón de euros a apoiar 15 proxectos que promoveron un total de 171 mobilidades-; ou ben a propostas impulsadas por concellos –recibiron subvención catro iniciativas que supuxeron no seu conxunto 62 mobilidades, sendo o investimento con cargo a este programa de 500.000 euros-

O importe da axuda total incluíu unha achega para os gastos de aloxamento e manutención, e axuda para a viaxe. E para os proxectos de mobilidade promovidos polos concellos e entidades sen ánimo de lucro se concedeu unha axuda para apoio aos aspectos organizativos, a execución do proxecto e axuda para a entidade de acollida no país de realización das prácticas formativas. Ademais, anticípase o 80% da axuda.

A duración das prácticas foi entre 2 e 3 meses consecutivos, e estas puideron levarse a cabo en calquera empresa ou entidade dos seguintes 27 países da Unión Europea (UE): Lituania, Hungría, Letonia, Estonia, República Checam Croacia, Eslovenia, Bulgaria, Romanía, Portugal, Eslovaquia, Malta, Grecia, Bélxica, Luxemburgo, Chipre, Alemaña, Austria, Países Baixos, Italia, Polonia, Francia, Suecia, Finlandia, Irlanda, Reino Unido e Dinamarca.

Esta iniciativa autonómica de mobilidade transnacional xuvenil forma parte das medidas para a implantación do Sistema Nacional de Garantía Xuvenil e está enmarcado no Programa Operativo de Emprego Xuvenil. Entre os beneficios que ten Galeuropa para os participantes está que o feito de que reciben unha formación complementaria, permitíndolles adquirir novas habilidades e competencias tanto profesionais como persoais, ao tempo que lles abre novas perspectivas de cara á mellora da súa empregabilidade.

Os mozos e mozas participantes no programa de Galeuropa melloran o seu capital social grazas ao establecemento de contactos que poden ser útiles en termos de empregabilidade; incrementan o seu capital humano co desenvolvemento de competencias transversais, tales como as habilidades comunicativas, a adaptabilidade, o traballo en equipo, ou as habilidades interculturais; e aumentan o seu capital psicolóxico na medida en que lles axuda a ser máis resilentes nun contexto laboral non exento de dificultades, ampliando o rango de posibilidades ou a motivación para realizar unha busca máis intensa de traballo. Un conxunto de factores que refiren a importancia que ten para os máis novos, en termos de empregabilidade, a participación neste tipo de programas.

Deste xeito, aumentan as súa capacitación e preparación para o acceso ao mercado laboral e, asemade, se reivindican como profesionais novos de gran valía para o tecido empresarial ao dispoñer non só dos coñecemento propios da súa formación senón tamén sobre o funcionamento do mundo empresarial internacional e con dominio de idiomas estranxeiros.

Satisfacción e acceso ao mercado laboral

Segundo un estudo sobre Galeuropa realizado en 2016 pola Universidade de Santiago de Compostela (USC), as empresas galegas valoran en alto grao as competencias adquiridas polos participantes, tales como: iniciativa; capacidade de adaptación, de liderado e de traballar en equipo; habilidades comunicativas e coñecemento de linguas; capacidade para levar os coñecementos á práctica e para a resolución de problemas ou adaptación a outras culturas e traballos.

Así, neste informe da USC se sinala que o nivel de desemprego dos mozos e mozas participantes caeu nun 67% en canto retornaron a Galicia, pois antes das prácticas un 70% dos participantes estaban no paro, porcentaxe que se reduciu posteriormente ata o 23,5%. O estudo tamén conclúe que o grao de satisfacción dos participantes en edicións anteriores é do 80%, e ante a pregunta se recomendarían Galeuropa aos seus amigos as respostas afirmativas foron do 92%.

A Xunta, a través da Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, traballa na nova orde de convocatoria de axudas do programa Galeuropa para o presente ano 2018, coa previsión de que saia publicada entre os vindeiros meses de abril e maio. Cómpre destacar o importante impulso deste programa que se puxo en marcha no ano 2012, incrementándose desde entón tanto o seu orzamento como o número de mozos e mozas beneficiarios.

Na súa primeira edición contou cun orzamento de algo máis de 82.000 euros sufragado enteiramente con recursos autonómicos e a participación de 50 mozos e mozas; na de 2015 o importe ascendeu xa a case un millón de euros procedentes en parte de fondos da Unión Europea (UE) e beneficiou a 134 mozos e mozas; e na anterior convocatoria de 2016 o presuposto alcanzou os dous millóns de euros cofinanciados pola UE e se implicaron 324 mozos e mozas.

Cómpre indicar que Galicia, a través do programa Galeuropa, foi no 2015 a primeira Comunidade Autónoma de España que se incorporou ao traballo en rede de dez países europeos para a posta en marcha dun proxecto transnacional de mobilidade xuvenil, rede liderada polo goberno federal de Alemaña.

Máis oportunidades para a xente nova

A mellora da formación non regrada da mocidade e a adquisición de novas habilidades, coñecementos, competencias e aptitudes a través de iniciativas como Galeuropa é un dos eixos de actuación das políticas sociais do Executivo autonómico. O obxectivo é aumentar as posibilidades de empregabilidade dun segmento da poboación cunha franxa de idade situada entre os 18 e os 30 anos.

Nesta liña, puxéronse en marcha proxectos pioneiros a nivel de todo o Estado e conseguíronse, entre outros logros, unha participación récord en programas, como o Erasmus+, nos que Galicia é unha das rexións de España máis activas. Outros programas destacados neste ámbito son: Iniciativa Xove, o Proxecto Lidera –iniciativa pioneira de espazos coworking de innovación e emprendemento xuvenil con asesoramento personalizado-, Voluntariado Xuvenil; Xuventude Crea –que se consolidou como a maior plataforma para a visualización da creatividade da mocidade galega-, a Campaña de Verán –con preto de 10.000 prazas ofertadas, ou Deseñando o teu Futuro –que acerca á xuventude ao tecido empresarial dos seus concellos-.

Todas estas accións poñen de manifesto a aposta decidida da Xunta polo presente e porvir da mocidade, apoiándoa con medidas que incrementen as súas posibilidades de emprego e poñendo á súa disposición unha ampla oferta dirixida a mellorar a súa preparación coa adquisición de competencias, habilidades e cualificacións que se traducirán nun impulso do seu liderado.

12 de marzo de 2018 | 16:28 • Sen comentarios

Comentarios pechados.