publicidade hoxe

A Xunta facilita a empregabilidade de persoas que estiveron en réxime penitenciario co programa ‘paso a paso’

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaLugoLugo
A-
A+

O director xeral de Inclusión Social da Xunta de Galicia, Arturo Parrado Puente, realizou hoxe unha visita ás instalacións de Aliad Ultreia en Lugo, que proporciona atención integral a persoas en risco de exclusión por razóns físicas, ambientais, económicas ou culturais.

Parrado realizou un percorrido polas oficinas, a aula de formación e informática así como polo apartamento totalmente equipado no que se realizan diversos programas que facilitan a inclusión social dos usuarios.

Así mesmo, o director xeral mantivo unha reunión cos responsables do programa Paso a paso, unha iniciativa subvencionada pola Xunta de Galicia a través da convocatoria de subvencións a entidades de iniciativa social para a promoción de actuacións de servizos sociais comunitarios e inclusión social. O obxectivo do mesmo é que aquelas persoas que están ou estiveron nos centros penitenciarios de Bonxe e de Monterroso melloren as súas capacidades persoais de cara á súa empregabilidade e inclusión social. A administración autonómica investiu 44.913,50 euros neste programa nas anualidades de 2017 e 2018.

Por outra banda, Arturo Parrado asegurou que a Xunta de Galicia continuará levando adiante un traballo coordinado coas entidades sociais para mellorar a situación dos fogares e persoas que máis precisan de apoio. Neste sentido, destacou o considerable incremento que nos últimos exercicios teñen experimentado as axudas as entidades que loitan contra a exclusión social ata chegar aos 10 millóns de euros na última convocatoria, o dobre que fai tres anos.

Por último, cómpre destacar que o Executivo autonómico volveu aumentar en 2018 os recursos económicos que destina para diminuír a exclusión e a desigualdade ao reservar para políticas de inclusión social 115,2 millóns de euros, o que supón un 8% máis que o ano pasado.

7 de marzo de 2018 | 19:20 • Sen comentarios

Comentarios pechados.