publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

A Xunta destaca en Triacastela o apoio a novos proxectos empresariais que brinda o programa Galicia Rural Emprende

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaLugoTriacastela
A-
A+

O delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, visitou hoxe unha clínica de fisioterapia de recente apertura en Triacastela promovida por unha empresaria autónoma e financiada cunha achega de 56.500 euros da Xunta de Galicia a través do programa Galicia Rural Emprende.

O delegado explicou que a Consellería de Economía, Emprego e Industria está a tramitar a segunda convocatoria desta liña de axudas á creación de empresas para actividades non agrícolas en zonas rurais, cofinanciadas polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do Programa de desenvolvemento rural (PDR) de Galicia 2014-2020 e xestionadas polo Instituto Galego de Promoción Económica (Igape).

A través do programa Galicia Rural Emprende, a Xunta apoia actividades empresariais de autónomos e de pequenas empresas para impulsar a economía local e a creación de emprego no ámbito rural destinadas a dinamizar e diversificar a actividade económica nas zonas rurais.

Como principal novidade, este ano o programa incrementa o seu orzamento nun 80%, ao pasar de 2,5 millóns a 4,5 millóns de euros. A Xunta reafirma o seu compromiso de apoiar aos emprendedores e as pequenas e medianas empresas, ofrecendo un amplo abano de recursos e instrumentos que melloren as posibilidades de éxito dos seus proxectos e a súa consolidación no mercado. Ao mesmo tempo, contribúese así a fixar poboación nas zonas rurais e aumentar as oportunidades dos seus habitantes no eido laboral.

A clínica de fisioterapia de Triacastela ocupa un baixo de 81 metros cadrados que anteriormente foi dedicado a hostalería, polo que se realizaron obras de reforma ademais de comprar os equipamentos médicos e informáticos necesarios para o desenvolvemento da nova actividade. Está orientada a atender a demanda dos veciños e veciñas e dos numerosos peregrinos que realizan o Camiño de Santiago, que carecían dun servizo destas características na zona.

Xornada informativa de axudas para a rehabilitación de vivendas

Tamén en Triacastela tivo lugar unha xornada informativa sobre axudas para a rehabilitación de edificios e vivendas, presidida por Balseiro, e na que técnicos da Consellería de Infraestruturas e Vivenda, explicaron a oportunidade que representan as distintas liñas de axuda postas en marcha pola Xunta con este obxectivo

En particular, a xornada centrouse no programa Vivendas do Camiño, que conta cun orzamento de 3 millóns de euros para conceder subvencións de ata 15.000€ por inmoble vai a ser rehabilitado, sempre e cando estea emprazado nalgunha das parroquias polas que pasa a ruta xacobea. Ao abeiro deste plan a Xunta busca mellorar os fogares e coidar un patrimonio que é de todos.

28 de marzo de 2018 | 17:14 • Sen comentarios

Comentarios pechados.