publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

A Xunta dá a benvida á expedición de xóvenes xaponeses que participan no programa ‘A xuventude no mundo’

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGalicia exteriorLocal PortadaMelide
A-
A+
Recepción aos xóvenes xaponeses en Melide

Recepción aos xóvenes xaponeses en Melide

A directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cecilia Vázquez, deu hoxe a benvida ao grupo de mozos e mozas procedentes da Prefectura de Wakayama (Xapón) que visitarán Galicia nestes días no marco do programa de mobilidade xuvenil da Xunta de Galicia A xuventude no mundo.

Na xornada de hoxe, a comitiva tivo a oportunidade de percorrer unha etapa do Camiño de Santiago e en vindeiras datas coñecerán diferentes puntos da nosa comunidade e convivirán con mozos e mozas galegos que á súa vez, viaxarán a Xapón do 3 ao 10 setembro.

Cecilia Vázquez resaltou que durante a semana de duración do intercambio estes rapaces e rapazas poderán coñecer en primeira persoa a cultura, a gastronomía e as tradicións galegas, así como o noso idioma. Ademais, no vindeiro mes de setembro “os participantes galegos serán os embaixadores da cultura galega no Xapón, ao tempo que coñecerán a cultura e lingua xaponesa, as súas costumes, interactuarán con mozos e mozas xaponeses en distintas actividades e durante tres días convivirán con familias xaponesas de acollida”.

O programa que desenvolverán estes 14 mozos e mozas galegos combinará actividades educativas e culturais. Deste xeito, percorrerán durante tres días o Camiño Kumano Kodo, visitarán lugares tradicionais da cultura xaponesa, coñecerán a mozos e mozas xaponeses cos que celebrarán unha cea intercultural e aloxaranse outros tres días con familias xaponesas.

A titular do departamento autonómico fixo especial fincapé na realización deste percorrido, pois “a cultura galega e a xaponesa se ben son moi distintas, están unidas por un vínculo, os dous itinerarios de peregrinación: o Camiño de Santiago en Galicia e o Camiño Kumano Kodo en Wakayama, dúas rutas recoñecidas pola UNESCO como Patrimonio da Humanidade, puntos de referencia no que converxe a pluralidade de concepción de distintos pobos, culturas, linguas e relixións”.

Vázquez resaltou que os intercambios xuvenís “permiten aos mozos e mozas participantes desenvolver habilidades, competencias e coñecementos, descubrir novas culturas, costumes e estilos de vida, consolidar valores como a solidariedade, a democracia e a amizade; facilita a concienciación intercultural e a mellora das competencias lingüísticas”. Un proceso de aprendizaxe que se realiza a través de métodos de educación non formal. Neste sentido, recordou que ao abeiro da Orde do 26 de febreiro de 2015, da participación no programa “A Xuventude no mundo” se deriva o dereito á expedición do certificado de educación non formal en materia de xuventude, certificado a través do que se lle da visibilidade á aprendizaxe non formal adquirida e se validan as competencias asumidas, contribuíndo así á mellora das posibilidades de emprego da mocidade galega.

A Prefectura de Wakayama e a Xunta de Galicia comparten vínculos desde a sinatura do seu irmanamento en 1998. A partir dese ano se están a realizar distintos programas conxuntos, sobre todo centrados no turismo e na cultura. No que respecta á xuventude, en 2009 estableceuse un protocolo de traballo entre as dúas administracións rexionais para favorecer os lazos de unión entre as entidades xuvenís de Wakayama e Galicia. Así con este grupo de mozos e mozas galegas esta será a décimo cuarta experiencia de intercambio xuvenil entre a Xunta de Galicia e a Prefectura de Wakayama, sumando un total de 215 participantes.

Horizonte 2020

A Xunta de Galicia ten como un dos seus eixos prioritarios das políticas de xuventude a promoción da mobilidade xuvenil. Deste xeito, o Plan Estratéxico de Xuventude de Galicia 2014-2020, “Horizonte 2020”, inclúe 20 medidas de fomento da mobilidade xuvenil. Unha mobilidade que se debe entender non coma a participación pasiva en meros viaxes turísticos ou vacacionais, xa que os mozos e mozas son acollidos por unha entidade xuvenil do país de referencia e comparten un amplo programa de actividades, o que supón unha implicación activa dos mozos na vida social, cultural e educativa, da rexión á que temporalmente se van a desprazar.

7 de marzo de 2018 | 19:22 • Sen comentarios

Comentarios pechados.