publicidade hoxe

A Xunta apoia a automoción na súa aposta pola innovación para aumentar a competitividade das empresas coa industria 4.0

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaPontevedraVigo
A-
A+

O director do Igape, Juan Cividanes, e a directora da Axencia Galega de Innovación (Gain), Patricia Argerey, interviñeron hoxe nas Xornadas para a transformación dixital da industria de automoción de Galicia, nas que puxeron de manifesto o compromiso da Xunta por apoiar a incorporación da innovación tecnolóxica e os investimentos 4.0 a este sector para reforzar o seu crecemento e competitividade.

A directora da Axencia Galega de Innovación presentou un novo instrumento de colaboración previsto no Plan Galicia Innova 2020, os Hubs de Innovación Dixital (DIH). Son as estruturas que integran a todos os axentes do sistema de innovación (centros de coñecemento, empresas, universidades, administracións ou investidores), baixo un modelo de colaboración público-privado, aberto e intelixente. Este novo instrumento xorde pola necesidade de artellar novos modelos de colaboración abertos para cohesionar o sistema de innovación e avanzar na incorporación das TIC e das tecnoloxías facilitadoras aos procesos produtivos.

Argerey presentou os Hubs como un punto de encontro da empresa, a investigación e o financiamento, do que todos se beneficiarán: as empresas provedoras de innovación poderán madurar as súas tecnoloxías e ampliar as súas aplicacións, abrindo novos mercados; as pemes obterán apoio para levar ao mercado novos produtos e servizos competitivos, tendo acceso á incorporación e o aproveitamento das tecnoloxías máis novidosas para mellorar a súa competitividade e posición global; e os centros de competencias estenderán as súas actividades a proxectos industriais abrindo modelos de negocio sostibles, entre outros.

Algúns dos servizos que ofrecerán os Hubs son: actuar como ventá única de acceso a servizos de apoio á innovación e compartir infraestruturas e coñecemento; facilitar o acceso a financiamento para a dixitalización; prover servizos de mentoring e formación; fomentar sinerxías e transferencia entre industrias; e ofertar os últimos coñecementos e experiencias en tecnoloxías avanzadas. Os Hubs funcionarán baixo o principio de autosustentabilidade a medio prazo, por medio do investimento privado, e estarán conectados á Rede Europea de Hubs de Innovación Dixital, na que a Comisión Europea está investindo 500M de euros ata 2020.

Estas ferramentas son o principal instrumento para desenvolver o Plan Galicia Innova 2020, a folla de ruta das políticas de I+D+i do Goberno galego para os vindeiros tres anos, na medida en que contribuirán a avanzar na especialización intelixente e a impulsar o liderado empresarial, especialmente das pemes. O Plan Galicia Innova 2020, cun investimento asociado de 1775M de euros, persegue situar a Galicia como un territorio de referencia para innovar, facendo énfase no coñecemento excelente, a innovación, o emprendemento e o talento.

Pola súa parte, o director do Igape resaltou, durante a súa intervención, na clausura das xornadas, o liderado das empresas de automoción na transformación tecnolóxica que está a experimentar o tecido industrial galego cara a consolidación da Industria 4.0, e o labor que neste ámbito desenvolve o Cluster de Empresas de Automoción (CEAGA). Destacou, así mesmo, a capacidade das empresas do sector para servir como referentes dos investimentos en innovación tecnolóxica para compañías doutros sectores.

Cividanes sinalou que 20 empresas de automoción investiron ou están investindo na incorporación de tecnoloxías como a xestión masiva de datos ou o control de calidade, integrado os sistemas de intelixencia artificial, contando co apoio da Xunta de Galicia. Así, nos dous últimos anos as axudas concedidas polo Igape á automoción, a través da liña para investimentos 4.0, suman 1,82 millóns de euros, máis dun terzo do total dos apoios do programa que forma parte da Axenda 4.0.

O director do Igape lembrou igualmente a Business Factory Auto (BFA) como exemplo de iniciativa pioneira no ámbito da innovación aberta desde o emprendemento. Froito desta colaboración entre a Xunta de Galicia, PSA, Ceaga e Zona Franca, estanse a desenvolver 20 proxectos de innovación aberta na segunda edición da BFA. Indicou tamén que, no marco da Axenda 4.0, e, a través do Igape, a Consellería de Economía, Emprego e Industria activou este ano un novo programa de axudas á dixitalización, dotado con 5 millóns de euros, e co que se prevé facilitar a posta en marcha de sistemas informáticos que acheguen valor ás empresas, tanto mediante proxectos colectivos como individuais, en campos como a intelixencia artificial ou a conectividade.

Para avanzar no desenvolvemento da Axenda 4.0, a Xunta activou ademais o novo programa de Instrumentos Financeiros Innovadores (IFIs), –cofinanciada ao 80% polo Feder– que permitirá apoiar este ano arredor de 100 proxectos de investimento nos eidos da Industria 4.0, o emprendemento e a innovación. Cividanes lembrou tamén que se acaba de resolver a última convocatoria de axudas para facilitar a cualificación, en tecnoloxías e metodoloxías da Industria 4.0, de arredor de 800 técnicos e directivos de pemes galegas.

13 de marzo de 2018 | 19:18 • Sen comentarios

Comentarios pechados.