publicidade hoxe

A Policía Autonómica esclarece dous incendios forestais acontecidos na provincia de Ourense

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaAmoeiroLeiroLocal PortadaOurensePortada dereita
A-
A+

Axentes da Policía Autonómica informaron hoxe do esclarecemento de dous lumes forestais nos concellos de Leiro e Amoeiro, na provincia de Ourense.

No primeiro deles, os axentes do Grupo de Incendios da Policía Autonómica de Ourense procederon a tomar declaración como investigado a un veciño do concello do Carballiño, como presunto autor dun lume forestal orixinado ás 15.58 horas do pasado 23 de febreiro, no lugar de Lalón, parroquia de Gomariz, concello de Leiro.

O incendio produciuse por mor do escape dunha queima na que non se adoptaron as medidas de seguridade preceptivas, o que provocou a propagación do lume a unha finca limítrofe. Arderon 0,1 hectáreas de monte raso e 0,15 de monte arborado. O día dos feitos o Índice de Risco Diario de Incendio forestal (IRDI) era moderado na zona. As dilixencias polo acontecido foron remitidas ao Xulgado de Instrución de Garda de Ribadavia.

No segundo dos incendios, os axentes procederon a tomar declaración como investigada a unha veciña do concello de Barbadás como presunta autora dun lume forestal orixinado ás 17.05 horas do 24 de febreiro no lugar de Arruxo, parroquia de Bóveda, concello de Amoeiro.

Tamén neste caso o lume produciuse polo escape dunha queima, o que provocou a propagación das lapas a unha finca colindante. Arderon 0.1 hectáreas de monte raso. O IRDI era moderado na zona. Tramitáronse dilixencias que foron remitidas ao Xulgado de Instrución de Garda de Ourense.

No que vai de ano son 5 as persoas detidas ou investigadas pola Policía Autonómica como presuntos autores de incendios forestais.

5 de marzo de 2018 | 16:55 • Sen comentarios

Comentarios pechados.