publicidade hoxe

A música de Caxade e De Vacas pechará os encontros ‘Atlantic emprende+Gaiás’ na Cidade da Cultura

A fin de semana do 24 e 25 de marzo a Cidade da Cultura acolle as xornadas profesionais Atlantic Emprende+Gaiás, destinadas a promover a formación, reflexión e debate arredor dos retos e oportunidades do sector musical. Os encontros inclúen paneis de expertos que abordarán temas de plena actualidade e interese, como o rol da música no desenvolvemento dos territorios e do sector turístico; ou novos modelos de eventos e festivais, adaptados a novos públicos. O evento, organizado pola Fundación Cidade da Cultura de Galicia en colaboración co Atlantic Fest e co apoio da Agadic, busca promover o intercambio de coñecementos e a formación de estudantes e profesionais da industria musical, contribuíndo así a mellorar a competitividade do sector.

Atlantic Emprende + Gaiás incluirá tamén espazo para o networking e, especialmente, para a música, estando cada unha das xornadas pechada por cadanseu concerto acústico de artistas galegos. No caso do sábado contarase cun concerto acústico de Caxade, o proxecto musical de indie-folk do músico Alonso Caxade, recoñecido entre outros galardóns, no Certame Música Xove ou nos Premios Martín Códax da Música e representante galego no SUNS Europe 2015. Será ás 20 horas e, a continuación, rematará o día cunha sesión de Rapariga DJ.

O domingo á mesma hora pechará o evento DeVacas, o cuarteto de guitarra e tres voces formado por Paula Romero, Inés Salvado, Faia Díaz e Guillerme Fernández, amplamente coñecido polas súas versións en galego de temas comerciais de éxito internacional. A banda foi galardoada nos Premios Martín Códax da Música 2016 na categoría de Coros e Música Vocal.

Formación e debate

Un panel sobre novas estratexias de comunicación, marca e promoción na industria será o encargado de abrir as xornadas, o sábado 24 de marzo ás 16 horas. Para analizar esta cuestión contarase coa xornalista Virginia Díaz, recoñecida especialista no sector musical que actualmente dirixe e presenta o programa 180 grados en Radio 3, en torno a novidades da música alternativa española e internacional. Díaz é tamén presentadora de Cachitos de hierro y cromo en La 2 e subdirectora de Los Conciertos de Radio 3. En 2017 foi galardoada co Premio Ondas na categoría de “Mellor presentador ou programa de radio musical”. Tamén neste panel participará, Gema del Valle, que ademais de especialista en marketing é cofundadora do selo Subterfuge Records, de referencia en España entre as compañías discográficas independentes.

Para finalizar a xornada do sábado, expertos e público asistente analizarán a relación dos eventos musicais co seu entorno, e a súa incidencia no turismo. Para tratar estas cuestións, Atlantic Emprende + Gaiás contará con Iñaki Gaztelumendi, ex-director xerente de Turismo de Santiago e que actualmente traballa como docente e consultor especializado en estratexia do sector turístico, con clientes como a Organización Mundial do Turismo, a Comisión Europea ou a Spain Film Comission. Pechará o panel a investigadora en desenvolvemento económico, urbanismo e industrias culturais, Paloma Medina.

Xa o domingo 25 de febreiro os paneis de discusión centraranse na organización de festivais e outros eventos musicais, cuestión de enorme interese ámbito que importante activo cultural, económico e turístico para Galicia, onde festivais de referencia como Ortigueira, Resurrection Fest ou Altantic Fest xeran riqueza e proxección internacional para a comunidade.

Por unha banda, abordaranse cuestións específicas da nova Lei de Espectáculos e a súa repercusión en canto a seguridade, accesibilidade, medio ambiente e conservación do patrimonio. Por outra, falarase sobre novos modelos de eventos destinados a novos públicos. Para esta cuestión contarase cun dos relatores máis agardados das xornadas: o portugués José Barreiro, presidente do consello de administración de Pic-Nic Produções e director do NOS Primavera Sound de Porto, festival de referencia no panorama da música alternativa europea. Foi ademais impulsor e co-organizador do veterano festival de Paredes de Coura desde a súa primeira edición.

Inscrición gratuíta

A asistencia ás xornadas é de balde, previa inscrición a través do web www.atlanticfest.com/gal-emprende-gaias, onde se pode consultar toda a información. O evento está organizado pola Fundación Cidade da Cultura en colaboración co festival Atlantic Fest e conta ademais co apoio da Axencia Galega das Industrias Culturais, Agadic.

22 de marzo de 2018 | 17:59 • Sen comentarios

Comentarios pechados.