publicidade hoxe

A flor da camelia e o traxe galego, nova proposta turística da Semana Santa en Santiago

Nava Castro na presentación de Camelia de Galicia-Traxe Galego

Nava Castro na presentación de Camelia de Galicia-Traxe Galego

A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, presentou hoxe Camelia de Galicia-Traxe galego, unha parella perfecta, a proposta cultural deste ano que enriquecerá a experiencia de visita dos viaxeiros que se acheguen a Santiago de Compostela durante a Semana Santa.

Trátase dunha mostra expositiva que chega á súa cuarta edición de xeito renovado. Tras apostar en anteriores ocasións por incluír elementos da artesanía e a cultura de Galicia, rende agora homenaxe ao traxe tradicional galego. Instalarase o Venres e o Sábado Santo no claustro do emblemático Pazo de Fonseca, onde se poderá gozar da orixinal posta en escena na que se mesturarán as máis de 200 variedades de camelia con pezas como mantóns, panos, zapatos, capelinas, dengues, San Cosmeiros ou cofias, entre outros.

“Trátase dun espectáculo de beleza e cor difícil de ver noutros lugares de Europa e contará con especies de 23 coleccións privadas cultivadas polos amantes desta flor e que só se poden contemplar en ocasións coma esta”, asegurou Nava Castro logo de lembrar a aposta do Goberno galego por poñer en valor este recurso turístico único a través de iniciativas como a Ruta da Camelia, que percorre Galicia a través de 12 pazos e xardíns e onde a Alameda de Santiago de Compostela forma parte do seu percorrido.

Trátase dunha ruta singular e tamén única. Como así o demostra que nela estean catro dos Xardíns de Excelencia Internacional en Camelia que existen no mundo, unha prestixiosa distinción que esta semana foi outorgada ao Pazo da Saleta, en Meis e ao de Quinteiro da Cruz, en Ribadumia, que se suman aos do Pazo de Rubiáns, en Vilagarcía de Arousa, e do Castelo de Soutomaior, situando a Galicia á cabeza neste tipo de distincións.

Entrada gratuíta

Camelia de Galicia-Traxe galego, unha parella perfecta porá en valor a cultura galega, a natureza e os atractivos que a Ruta da Camelia ofrecen na contorna da capital de Galicia e a través das súas doce paradas por toda a xeografía galega. Enmárcase no compromiso da Xunta por ofrecer unha actividade turística completa que brinde experiencias complementarias capaces de engadir atractivo máis aló dos lugares máis visitados. Para a súa posta en escena cóntase co apoio de Artesanía de Galicia a través do obradoiro de confección de pezas do traxe tradicional galego Bulideira.

“Iniciativas como esta exposición son peza clave na nosa aposta pola diversificación de fluxos e a ampliación de circuítos que visitar no noso destino”, explicou Nava Castro. A mostra abre o abano para que os visitantes se interesen pola atractiva contorna da cidade, como así se tamén se propón en Lugares xacobeos en Compostela e a súa contorna, con propostas polos arredores da cidade. Debido á particularidade da exposición, con flor natural cortada, a mostra permanecerá aberta dous días en horario ininterrompido de 13,00 a 21,00 horas o Venres Santo e de 11,00 a 21,00 horas o Sábado Santo, con entrada gratuíta.

28 de marzo de 2018 | 16:36 • Sen comentarios

Comentarios pechados.