publicidade hoxe

A Deputación financiará a construción dun tramo do paseo do Río Coroño, en Boiro

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaBoiro
A-
A+

A Deputación da Coruña financiará, con 241.342 euros, a execución dun novo tramo do paseo do estuario do Río Coroño, no Concello de Boiro. Esta obra, que se inclúe dentro do Plan Único Adicional e vén de ser aprobada no pleno provincial do pasado venres, permitirá completar as actuacións realizadas polo Concello desde o ano 2016, mellorando así a posta en valor do espazo natural.

O novo itinerario peonil terá 390 metros de lonxitude e 2,50 metros de ancho, con pavimento natural de area e cemento similar ao executado nos outros tramos do paseo.

As obras para acondicionalo incluirán a retirada da vexetación, a execución dunha capa de zahorra natural de 15 centímetros e a aplicación de chan compactado composto de area lavada e cal hidráulica. Asemade, disporanse as medidas necesarias para garantir a accesibilidade a persoas con mobilidade reducida.

A senda conectará coa Avenida Compostela, mediante unha entrada de 40 metros, mellorando así a conexión do núcleo de Goiáns coa zona dos colexios. Deste modo, os rapaces e rapazas que se desprazan ata os centros educativos disporán dun itinerario máis curto, accesible e seguro, evitando o contacto coa circulación viaria.

O proxecto tamén inclúe a construción de seis pasarelas de madeira e un miradoiro, ademais da demolición da antiga EDAR de Boiro, para recuperar este espazo degradado.

Para humanizar o espazo e por en valor o conxunto natural, instalarase alumeado continuo tipo LED de baixo consumo tanto para a sinalización do percorrido coma nas varandas das pasarelas. Tamén se colocarán varios bancos de madeira nas zonas próximas ao estuario para a contemplación da fauna propia da zona.

26 de marzo de 2018 | 17:27 • Sen comentarios

Comentarios pechados.