publicidade hoxe

A Deputación destina 48.465 euros á remodelación do parque dos Muíños, en Ribeira

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaLocal PortadaRiveira
A-
A+

O Boletín Oficial da Provincia publica hoxe a formalización do contrato das obras de remodelación do parque infantil situado no lugar dos Muíños, no concello de Ribeira. A Deputación da Coruña financia este proxecto dentro do seu Plan Único, cunha achega total de 48.465 euros.

As obras consistirán na remodelación do parque infantil e a construción dunha nova zona biosaludable no lugar de Muiños, situado na parroquia de Oleiros.

Na zona destinada ao ocio dos máis pequenos, o proxecto inclúe a instalación dun pavimento de caucho continuo absorbedor de impactos e na substitución dos xogos, que se atopan deteriorados debido á súa antigüidade.

O novo equipamento do parque consistirá nun tobogán, un rocódromo, unha escaleira horizontal para trepar, un tobogán en espiral, columpios e un balancín.

Por outra banda, crearase unha nova zona biosaudable, destinada a práctica deportiva e especialmente pensada para as persoas maiores da parroquia. Este espazo contará con varias maquinas para exercitar as diferentes partes do corpo, coma un timón, unha elíptica e outros elementos para brazos e pernas.

Complementariamente, tamén se dotará á pista deportiva dunha valla perimetral de madeira pintada, unha nova canastra e varios bancos e se construirá unha rampla de acceso. Esta plataforma, que terá 7,50 metros de lonxitude, permitirá salvar un desnivel favorecendo así a accesibilidade a persoas con mobilidade reducida.

19 de marzo de 2018 | 17:34 • Sen comentarios

Comentarios pechados.