publicidade hoxe

A Deputación da Coruña destina 614.000 euros para as obras de ampliación e mellora da estrada Mera-Veigue

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaLocal PortadaOleiros
A-
A+

A Deputación da Coruña destinará 613.982,24 euros para financiar as obras de ampliación e mellora da estrada DP 5815 de Mera a Veigue, no termo municipal de Oleiros.

O proxecto, que vén de ser aprobado por unanimidade no pleno provincial do mes de marzo, contempla a ampliación da plataforma do vial ata os sete metros de ancho nun tramo de preto de dous quilómetros que vai dende o PK 0+400 ao 2+200 e na construción dunha senda peonil de 2 metros de ancho que discorrerá pola marxe esquerda da calzada e contribuirá a mellorar a seguridade da veciñanza.

A senda irá separada da estrada mediante unha marca vial sonora e un cebreado que sirva de barreira visual para os condutores. Baixo a mesma proxéctase a colocación de novas canalizacións de alumeado público pois será necesario, nalgúns casos, desprazar algunhas luminarias afectadas pola construción deste novo itinerario peonil.

As obras contan cun prazo de execución de seis meses a partir do seu inicio.

Beirarrúas en Cambre

O pleno da Deputación deu tamén luz verde a unha partida económica de 136.440 euros para financiar as obras de construción de beirarrúas e dun muro de contención na DP1704, de Cambre a Carral.

As obras incluirán a ampliación da sección da estrada no tramo comprendido entre os puntos quilométricos 0+670 e 0+820, que na actualidade presenta un estreitamento provocado por unha edificación en estado ruinoso.

A Deputación proxecta demoler este edificio para mellorar as condicións de circulación do vial, así como executar un muro de contención para dar máis estabilidade ao noiro. Este espazo aproveitarase para construír beirarrúas e unha zona de aparcamentos, que mellorarán considerablemente a seguridade viaria na zona.

28 de marzo de 2018 | 17:16 • Sen comentarios

Comentarios pechados.