publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

A Deputación da Coruña destina 180.000 euros á humanización da rúa Mateo Segade Bugueiro, en Melide

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaMelide
A-
A+

A Deputación da Coruña, a través do seu Plan Único, financia a humanización da Rúa Mateo Segade Bugueiro, situada no centro urbano de Melide. Estas obras veñen de saír a licitación, cun orzamento de 179.827 euros, que achega integramente a institución provincial.

A Rúa Mateo Segade é unha das principais arterias da localidade, posto que forma parte do itinerario do Camiño de Santiago Primitivo ou de Oviedo, e por ela circulan milleiros de peregrinos cada ano. Trátase dun dos principais accesos á zona vella, xa que desemboca na praza do Convento, onde se sitúan algúns dos puntos máis emblemáticos da localidade, coma a Casa do Concello e a Igrexa e o convento do Sancti Spiritus.

As obras de humanización pretenden poñer en valor esta rúa, renovando tanto as beirarrúas coma a pavimentación da calzada, para dotala dun aspecto unificado co resto da zona vella de Melide, e mellorar os servizos básicos.

Neste sentido, crearase unha pequena praza nas inmediacións da Igrexa, que terá as funcións de espazo de acceso ao casco antigo, destacando o conxunto que forman as vivendas tradicionais e a fachada lateral da Igrexa do Sancti Spiritus.

A pavimentación desta zona executarase con lousas de granito, similar ao existente na praza do convento, dando así un aspecto estético uniforme. Tamén as novas beirarrúas serán de lousas de granito, mentres que o espazo da calzada pavimentarase con formigón lavado. Por outra banda, renovarase o mobiliario urbano, coa plantación de varias árbores e a instalación de bancos de granito.

O proxecto financiado pola Deputación tamén prevé varias melloras nos servizos urbanos da rúa, coma a instalación dunha rede separativa de saneamento e de recollida de augas pluviais, en substitución da actual rede que se atopa obsoleta. Así mesmo, soterrarase o tendido de subministro eléctrico, de iluminación pública e de telecomunicacións para eliminar por completo as redes eléctricas aéreas existentes, mellorando notablemente o aspecto estético da rúa.

12 de marzo de 2018 | 17:27 • Sen comentarios

Comentarios pechados.