publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

A Deputación da Coruña comeza os trámites das expropiacións para o ensanche e a mellora da estrada de Confurco a Orro, en Culleredo

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaCulleredo
A-
A+

O Boletín Oficial da Provincia publica hoxe o anuncio do levantamento de actas previas á ocupación dos terreos dos 141 predios necesarios para ampliar e crear unha senda peonil na estrada DP0510, que enlaza o núcleo de Confurco, en Culleredo, con Orro, xa no termo municipal de Arteixo.

A Deputación da Coruña destina 136.313,65 euros á adquisición destes terreos de prado, monte e labradío, que se suman ao orzamento de 1.215.705 euros cos que contan as obras.

Os veciños e veciñas propietarios dos terreos están citados en dúas quendas, o día 15 e o 22 de marzo, segundo a ubicación de cada parcela, de 15.30 a 18.00 horas na Casa do Concello de Culleredo.

Ampliación ata 7 metros de ancho

Estas obras enmárcanse dentro do Plan de Investimento en Vías Provinciais 2017, dotado cun presuposto total de 2.498.180 euros. Con este investimento, a Deputación pretende continuar mellorando as prestacións e aumentando o ancho das estradas de titularidade provincial, que conforman unha rede de máis de 2.000 quilómetros.

No caso da DP0510, o proxecto contempla a reparación da estrada desde o seu comezo, na intersección coa tamén vía provincial DP3109, ata o punto quilométrico 2+940, mellorando o acceso ao Club de Campo de A Garrocha, os núcleos de Figueiras e Caiñás, e as diversas vivendas situadas neste tramo de preto de 3 quilómetros.

Na actualidade, esta vía ten un ancho medio de cinco metros e carece de beiravías, o cal impide unha correcta seguridade viaria. Para solventalo, ampliarase a plataforma ata os sete metros para dotala de dous carrís de tres metros cada un e de beiravías de medio metro, así como de cunetas de seguridade.

Co obxectivo de favorecer o tránsito dos viandantes entre os diversos inmobles que se sitúan a ambos marxes da estrada, tamén se creará unha senda peonil de dous metros de ancho ao longo da totalidade da estrada. Ademais, nas zonas onde o ancho da vía o permite, aproveitarase para a creación dun aparcamento en batería.

O proxecto tamén prevé a mellora dos accesos e interseccións, a modificación das curvas con radio moi reducido e a execución dunha nova glorieta á altura do punto quilométrico 2+000, co fin de favorecer os cambios de sentido e de eliminar os puntos máis perigosos tanto para o tráfico rodado como para os viandantes.

5 de marzo de 2018 | 17:18 • Sen comentarios

Comentarios pechados.