publicidade hoxe

A Deputación da Coruña colabora con FEGEREC na Gala Internacional de Patinaxe Artística

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA Coruña
A-
A+

Cada catro anos a Federación Galega de Enfermidades Raras e Crónicas (FEGEREC) organiza a Gala Internacional de Patinaxe Artística que o día chega o domingo 18 de marzo a súa quinta edición. A Deputación da Coruña, a través do deputado Xosé Regueira destacou o papel de entidades como FEGEREC e defendeu o compromiso institucional cos colectivos máis vulnerábeis.

O deputado Xosé Regueira participou na presentación da V Gala Internacional de Patinaxe Artística que terá lugar o vindeiro 18 de marzo ás 17:00 horas no Palacio de Deportes da Coruña organizada pola Federación Galega de Enfermidades Raras e Crónicas (FEGEREC), unha das entidades que conta coa apoio da Deputación da Coruña a través das liñas de axuda da área de Servizos Sociais.

No acto de presentación da iniciativa, Xosé Regueira defendeu que as administracións teñen que ter “como primeiro obxectivo a defensa dos colectivos máis vulnerábeis” e lembrou que a propia Deputación, na área de Servizos Sociais que dirixe a deputada Ánxela Franco -que non puido asistir á presentación-, “desenvolve un intenso traballo de colaboración coas entidades de servizos sociais ás que destina máis de dous millóns de euros a través de tres liñas de axuda en concorrencia competitiva”.

Regueira insistiu tamén na necesidade de comprometer ás administracións públicas na investigación arredor das enfermidades raras xa que, segundo destacou “teñen que dar soporte ás entidades e poñerse do lado das persoas que teñen máis urxencia e necesidades”.

As afirmacións do deputado continuaban na liña da presidenta e a directora de FEGEREC, Paca Luengo e Carmen López, que reivindicaron unha maior implicación na investigación arredor de enfermidades raras e ultrararas das que, segundo sinalaron, existen 200.000 persoas afectadas en Galiza.

A V Gala Internacional de Patinaxe Artística ten como obxectivo dar visibilidade ás enfermidades pouco frecuentes e obter recursos económicos para consolidar o Programa de Atención Sociosanitaria e poñer en marcha o servizo do consello xenético, que FEGEREC pon ao dispor das persoas diagnosticadas ou en busca de diagnóstico dunha enfermidade rara e as súas familias.

14 de marzo de 2018 | 17:25 • Sen comentarios

Comentarios pechados.