publicidade hoxe

A Consellería de Educación investirá un millón de euros na segunda fase de ampliación do IES Laxeiro de Lalín

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLalínLocal Portada
A-
A+
Román Rodríguez na reunión co director do IES Laxeiro. Foto: X. Crespo

Román Rodríguez na reunión co director do IES Laxeiro. Foto: X. Crespo

A Consellería de Cultura e Educación investirá preto dun millón de euros na segunda fase de ampliación do IES Laxeiro de Lalín, en Pontevedra. En concreto, o Diario Oficial de Galicia publica hoxe a licitación por un importe total de 990.109,08 euros, cofinanciados polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional nun 80%, no marco do Programa Feder. Precisamente, o conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, mantivo unha reunión co director do instituto, Uxío Grande, para abordar os detalles de execución da obra, cuxa estrutura exterior se prevé realizar no verán deste ano para, despois, compatibilizar a adecuación interior no curso 2018/19, sempre garantindo a máxima seguridade para o alumnado.

Neste sentido, os traballos terán como obxectivo crear un novo volume en planta alta no edificio dedicado actualmente aos talleres de FP. Este novo espazo albergará cinco novas aulas, reubicarase unha sexta anteriormente localizada na planta 0 e redistribuirase o espazo entre outras dúas existentes. Ademais, construiranse novos aseos, incluíndo servizos adaptados, e unha nova escaleira para mellorar a evacuación do edificio. Os detalles da licitación poden consultarse no seguinte enlace https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2018/20180307/AnuncioG0164-010318-0002_gl.html.

Preto de 1,3 millóns de investimento

Con esta licitación, a Consellería dá cumprimento ao xa avanzado o pasado novembro na visita ao centro, onde se comprometeu esta nova intervención. Así mesmo, cómpre destacar que esta segunda fase lle dá continuidade á primeira, na que se investiron máis de 300.000 euros co obxectivo de crear un viveiro de empresa –o primeiro nun centro educativo da comarca de Deza–, ampliar a biblioteca e dar resposta, tamén, ás necesidades dos ciclos de FP.

En definitiva, e sumando estas dúas actuacións, o investimento no IES Laxeiro por parte do departamento educativo da Xunta de Galicia nos dous últimos anos achégase aos 1,3 millóns de euros.

Fomento do espírito emprendedor

O obxectivo de ambas as dúas obras non só se limita a mellorar e modernizar os espazos do instituto, senón que tamén se pretende fomentar o espírito emprendedor do alumnado e favorecer a formación práctica nos talleres de FP. En concreto, a Rede de Viveiros en centros educativos, que agrupa un total de 26, ofrece unha moi boa oportunidade para que os estudantes e titulados en ciclos formativos poñan en marcha ideas de negocio cun asesoramento axeitado e gratuíto e nun viveiro que poden empregar como despacho de balde.

Por tanto, e ademais de ser o primeiro centro educativo da comarca de Deza que conta cun viveiro de empresa, o IES Laxeiro de Lalín tamén senta as bases da nova senda de implantación destes espazos de emprendemento, máis alá das cidades e dos Centros Integrados de Formación Profesional.

Por outro lado, tamén cómpre lembrar que o IES Laxeiro ofertou este curso o ciclo de FP Básica de Electricidade e electrónica, os ciclos de grao medio en Electromecánica de vehículos automóbiles, en Instalacións eléctricas e automáticas e en Xestión administrativa; e os ciclos de grao superior en Administración e finanzas e en Mecatrónica industrial.

7 de marzo de 2018 | 16:25 • Sen comentarios

Comentarios pechados.