publicidade hoxe

A Consellería de Cultura e a asociación de amigos de Valle-Inclán presentan en Santiago o novo número da revista ‘Cuadrante’

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaSantiago de Compostela
A-
A+

A Fundación Granell acolleu hoxe a presentación en Santiago de Compostela do novo número da revista Cuadrante. Revista Semestral de Estudos Valleinclanianos e Históricos, unha publicación que chega aos 18 anos de vida contribuíndo a ampliar o legado literario e a biografía de Ramón María del Valle-Inclán, o insigne escritor galego creador do esperpento.

O número 35 da revista recolle, entre outras, as achegas dos directores científicos do simposio Valle-Inclán, misticismo, realismo y realidad, que se celebrou o ano pasado en Roma. Amparo Latorre analiza a estética e a arte na obra do autor, a través da análise da infamia na obra Sonata de Primavera. Pola súa banda, José M. Paz Gago estuda as versións operísticas dos escritos de Valle-Inclán, o autor español do que máis adaptacións ao xénero lírico se teñen feito.

Para o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, o carácter renovador da obra deste xenio da literatura “fai que as creacións de Valle-Inclán amosen novas facetas co paso do tempo. A revista Cuadrante naceu e consolidouse como o vehículo no que envorcar as novas lecturas, perspectivas e reflexións sobre a obra e a traxectoria vital de don Ramón María.” Anxo Lorenzo participou na presentación xunto con Xaquín del Valle-Inclán, presidente da Asociación de Amigos de Valle-Inclán e neto do escritor; Francisco Charlín, director da revista Cuadrante e Eduardo Valiña, conservador xefe da Fundación Granell, na rolda de prensa de presentación do número 35 desta publicación.

As raíces do creador galego

Ademais doutros dous artigos relacionados co simposio de Roma, un deles escrito polo propio director da revista, o número 35 de Cuadrante afonda nas raíces de Valle, coa achega de Alicia Padín Buceta, da USC, sobre o lugar de Cálago, en Vilanova de Arousa, onde están soterrados os avós maternos, pais e algúns irmáns do escritor ou a tradución ao castelán de dous artigos en catalán sobre as familias Goday e Llauger, con gran pegada na vila orixinaria de Valle-Inclán.

Contribuír ao estudo dun referente da literatura

A Consellería de Cultura e Educación vén colaborando desde hai anos coa Asociación de Amigos de Valle-Inclán na publicación desta revista, dirixida por Francisco Charlín. O secretario xeral de Cultura quixo salientar a contribución desta entidade, grazas á que “temos páxinas coidadas na súa execución material, pero tamén nos contidos, desde o mesmo momento en que se fai a selección das firmas ás que se convida a participar. Sempre na procura de acadar información imprescindible e lograr un aprecio meirande pola pegada deste xenio”, concluíu.

19 de marzo de 2018 | 17:12 • Sen comentarios

Comentarios pechados.