publicidade hoxe

A conselleira de Medio Rural avoga polo aproveitamento sustentable do monte na celebración do Día Internacional dos Bosques

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA LarachaLocal Portada
A-
A+
Ángeles Vázquez na plantación de árbores na Laracha. Foto: M. Fuentes

Ángeles Vázquez na plantación de árbores na Laracha. Foto: M. Fuentes

A conselleira do Medio Rural, Ángeles Vázquez, participou hoxe na Laracha o acto central de celebración do Día Internacional dos Bosques, que terá lugar mañá mércores, 21 de marzo. A titular de Medio Rural participou na plantación de árbores de especies frondosas autóctonas, principalmente castiñeiros e pradairos, no monte Carboeiro, propiedade da Xunta e situado no lugar de Soandres, no devandito concello coruñés. Nesta actividade, a conselleira estivo acompañada por medio cento de nenos de 10 anos do colexio da Laracha, así como polo alcalde da localidade, José Manuel López Varela, entre outras autoridades.

No acto estivo presente tamén persoal do distrito forestal II (Betanzos-Mariñas coruñesas), que realizou unha demostración do uso dos vehículos de extinción de incendios forestais para os escolares. Estes recibiron, ademais, diferentes obsequios conmemorativos, tales como sementes de árbores, chapas e material escolar da campaña “Son cortalumes” desenvolvida por Medio Rural para sensibilizar sobre a importancia de loitar contra os incendios nos montes.

Ángeles Vázquez destacou que entre os días 16 e 23 de marzo uns 5.000 escolares de toda Galicia participarán nas actividades programadas pola Consellería con motivo desta xornada, instituída pola Organización das Nacións Unidas para poñer de manifesto a importancia destes ecosistemas e sensibilizar á poboación sobre a necesidade da súa axeitada protección, ordenación e fomento. Indicou ademais que a Xunta se suma a este evento para chamar a atención sobre a riqueza ambiental, económica e social do monte, así como sobre a necesidade de promover o seu aproveitamento sustentable.

A conselleira indicou que o Goberno galego organizou máis de 60 actividades en medio cento de colexios da comunidade, tales como charlas divulgativas e plantacións de árbores por parte dos alumnos. Estas iniciativas compleméntanse con outras accións enfocadas cara as persoas maiores, así como con demostracións con motobombas e helicópteros de loita contra os incendios, obras de teatro, lectura de poemas ou xogos populares centrados na temática forestal.

Actos nas demais provincias

Ademais deste acto central na Laracha, os dezanove distritos forestais de Galicia e as delegacións territoriais da Xunta organizaron diferentes actuacións para conmemorar mañá esta data. Así, o delegado territorial en Lugo, José Manuel Balseiro, participará nunha xornada de educación ambiental no viveiro escola dos Trollos, no concello de Bóveda, á que está previsto que asistan arredor de 280 escolares de diversos centros da provincia.

Pola súa parte, a delegada territorial da Xunta en Ourense, Marisol Díaz Mouteira, estará no municipio da Rúa, nunha plantación de árbores con alumnos de tres centros escolares da comarca, organizada polo distrito XIII (Valdeorras-Trives). O delegado territorial en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, acudirá ao acto central da provincia no concello de Cerdedo-Cotobade. Está previsto que con el participen uns cen nenos dun centro escolar da localidade nunha plantación de carballos.

20 de marzo de 2018 | 17:30 • Sen comentarios

Comentarios pechados.