publicidade hoxe

A Cidade da Cultura oferta visitas arquitectónicas e tres exposicións durante esta Semana Santa

A Cidade da Cultura de Galicia oferta para esta semana festiva un atractivo programa de actividades que inclúe visitas guiadas diarias nas que descubrir a arquitectura do complexo deseñado por Peter Eisenman e ata tres exposicións, todo con entrada de balde.

Ata o vindeiro domingo, os visitantes que se acheguen ao Gaiás poderán coñecer máis polo miúdo os catro edificios que conforman a Cidade da Cultura –Museo Centro Gaiás, Biblioteca e Arquivo de Galicia, Centro de Emprendemento e Centro de Innovación Cultural-, o proxecto de Eisenman e os espazos verdes a través duns percorridos guiados ao complexo. As visitas, totalmente de balde, saen ás 11 da mañá desde o Museo Centro Gaiás e non é preciso reservar praza.

 Achegarse á arte galega dos últimos 150 anos

Ademais, durante estes días, a Cidade da Cultura conta con tres exposicións para que os visitantes se acheguen ao patrimonio cultural e natural galego. Así, de 10 a 20 horas, poden descubrir no Museo Centro Gaiás a mostra Galicia universal. A arte galega nas coleccións de ABANCA e Afundación, unha viaxe pola de arte galega dos últimos 150 anos que supón unha das mostras máis ambiciosas realizadas ata o momento sobre arte galega.

Pintura, escultura, fotografías e instalacións compoñen este percorrido no que se pode contemplar unha escolma de case 200 pezas que abarcan desde o XIX ata a actualidade, procedentes das dúas coleccións corporativas de arte máis senlleiras da comunidade e entre as máis importantes de España. Por vez primeira, unha mesma exposición reúne obras de moitos dos artistas galegos máis relevantes, como son Jenaro Pérez Villaamil, Fernando Álvarez de Sotomayor, Urbano Lugrís, Francisco Lloréns, Serafín Avendaño, Laxeiro, Virxilio Vieitez, Manuel Colmeiro, Luís Seoane, Arturo Souto, Maruja Mallo, Eugenio Granell, Julia Minguillón, Francisco Leiro, Antón Patiño, Menchu Lamas, Xaime Quessada, Berta Cáccamo, Antón Lamazares, Pamen Pereira, Elena Colmeiro ou Antía Moure, entre outros moitos ata completar un total de 119.

Para mergullarse polo miúdo nesta ambiciosa exposición, o Gaiás oferta visitas comentadas á mostra en dúas quendas ao día: 12:30 e 17:30, que tamén son de balde e para as que non fai falta reservar.

 A fraxilidade do patrimonio natural e música en feminino

Por outra banda, as Torres Hejduk acollen Betula Pendula, unha intervención artística con bidueiros na que o paisaxista Martín Toimil fai uso do carácter dual destas infraestruturas —unha de vidro/transparente e outra de pedra/opaca— para amosar a dobre faciana da realidade dos bosques galegos: por unha banda enxalzar a súa enorme beleza e por outra, advertir da súa fraxilidade, especialmente, por ser obxecto reiterado da lacra do lume.

Para reflectir esta confrontación, o arquitecto paisaxista e enxeñeiro agrónomo instalou na torre de cristal bidueiros vivos, pendurados do revés desde as propias cepeiras, mentres que na de pedra pendurou os queimados pola última vaga de lumes que sufriu Galicia. Esta intervención conecta ademáis coa utilidade orixinal dos edificios, deseñados como invernadoiros para o Parque de Belvís polo arquitecto norteamericano John Hejduk.

Por outra banda, os visitantes da Biblioteca e Arquivo de Galicia poderán mergullarse nunha escolma de documentos e obxectos sobre o papel desenvolvido pola muller no mundo da música ao longo dos anos, desde a esfera cotiá e doméstica, ata o ámbito profesional e intelectual no que hoxe en día se encontran dentro da escena musical. Será a través da mostra Música en Feminino, inaugurada este mes de marzo co gallo do Día da Muller no marco da serie expositiva Mulleres sobranceiras. Ademais, xa o luns 2 de abril, a Biblioteca de Galicia celebra o Día Internacional do Libro Infantil e para festexalo agasalla a toda persoa que se achegue cunha publicación infantil.

Descanso nas zonas verdes

Xunto á actividade cultural, todas as persoas que se acheguen ao Gaiás poderán gozar, se o tempo llelo permite, dos espazos verdes que rodean o complexo. Case 5 quilómetros de sendas verdes permiten coñecer a fondo o Bosque de Galicia, que se atopa na segunda fase da súa implantación e que contará cunha superficie total de 34 hectáreas e arredor de 12.000 novas árbores. Nesta primavera acabada de estrear, os visitantes poderán descubrir novas vistas da cidade de Compostela, ademais de descansar no Parque do Lago e o Xardín Literario, ou achegarse cos máis pequenos e pequenas ao Parque da Balea, inspirado nas creacións do pintor Urbano Lugrís.

28 de marzo de 2018 | 16:28 • Sen comentarios

Comentarios pechados.