publicidade hoxe

A Cidade da Cultura analiza os problemas que ameazan o patrimonio galego na próxima sesión de ‘Nexos’

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaSantiago de Compostela
A-
A+

A Cidade da Cultura de Galicia celebra este sábado, 24 de marzo, unha nova sesión de Nexos, na que a análise e a reflexión habitual no seus temas terán como protagonista, nesta ocasión, o estado actual do patrimonio galego, afondando nas ameazas e os retos para a súa conservación baixo o título Confín dos verdes castros… O patrimonio e a identidade de nós.

Para abordar este tema que sempre esperta un importante interese social e institucional contarase cunha figura relevante no ámbito do patrimonio como é Felipe Criado-Boado, mestre de investigación do Centro Superior de Investigación Científica (CSIC) e director do Instituto de Ciencias do Patrimonio. Ademais, é presidente da Asociación Europea de Arqueólogos e membro de diferentes comités e comisións científicas internacionais en Universidades da Arxentina, Chile, Uruguai, Venezuela, Colombia, Suecia, Gran Bretaña, Noruega, Bélxica ou India.

Con este experto está previsto que se aborden cuestións actuais que lle afectan ao patrimonio, sobre todo Felipe Criado-Boado incidirá nos problemas que o están a ameazar como a construción indiscriminada; a expansión forestal; o espolio de obxectos a mans de tramas organizadas… Por outra parte, analizaranse os efectos que se están a rexistrar co maior esforzo en educación e divulgación, á hora de acadar unha maior implicación cidadá e un mellor aproveitamento turístico. E non faltará nesta sesión unha mención destacada ao auxe no activismo asociativo que evidencia unha crecente sensibilidade social na materia.

Intervención artística de Carlos Meixide

A intervención de Felipe Criado-Boado rematará, como vén a ser habitual nas sesión de Nexos, cunha actuación artística. Neste caso, o multidisciplinar Carlos Meixide utilizará os bens patrimoniais do país a xeito de materia prima para a súa abraiante exhibición de xogos circenses, puramente intelectuais, nun delirante monólogo cómico que non deixan indiferente. Este espectáculo O fracaso do meu patrimonio está creado ex profeso para o ciclo Nexos.

De igual xeito, contarase cunha sesión de Nexos Infantil paralela para que os máis pequenos e pequenas da casa afonden nas mesmas cuestións que na sesión para os adultos, pero dun xeito plástico e creativo adaptado as súas idades, entre 5 e 12 anos.

Deste modo, neste obradoiro a cativada fará unha viaxe virtual por Galicia para coñecer os valores patrimoniais e naturais máis senlleiros, dende a Catedral de Santiago, pasando pola Muralla de Lugo, a Torre de Hércules ou a Ponte romana de Ourense, ata as rías e parques naturais, achegándose ás épocas da súa construción no caso dos monumentos.

Despois, a rapazada escollerá o seu elemento preferido para realizar unha persoal recreación plástica do mesmo, ben debuxada ou ben en maqueta, a partir de materiais reutilizados (caixas de cartón, botellas de plástico, etc.), que logo se colocarán nunha exposición nun particular mapa simbólico de Galicia.

O obxectivo de Nexos Infantil con estes obradoiros é que, á saída do ciclo, maiores e pequenos teñan reflexionado e aprendido sobre as mesmas temáticas, cada quen desde a súa perspectiva, para poder logo conversar de xeito interxeracional. Porá punto e final á sesión de Nexos deste sábado o tradicional convite a viño e petiscos, cortesía de Bodegas Martín Códax e Pan do Mar, de Conservas Antonio Pérez Lafuente.

As entradas, coa sesión de Nexos Infantil correspondente, están á venda tanto a través do Museo Centro Gaiás como en Ataquilla.com e na páxina da cidadedacultura.gal cóntase con máis información polo miúdo de todo o ciclo.

19 de marzo de 2018 | 17:28 • Sen comentarios

Comentarios pechados.