publicidade hoxe

A biblioteca Ánxel Casal de Santiago chega ao seu décimo aniversario con máis de 1.000 visitantes diarios

A Biblioteca Pública de Santiago Ánxel Casal cumpre 10 anos en 2018 e faino recibindo cada día máis de 1.000 visitantes que se achegan ao edificio de 5.900 m2 deseñado polo arquitecto Andrés Perea. Unha construción pensada para albergar os preto de 158.000 exemplares que conforman a súa colección, os 418 postos de lectura e os 53 ordenadores de uso público, ademais de para acoller as diversas actividades que se organizan cada semana para todo tipo de usuarios e usuarias.

“Este espazo, do que son socios dous de cada cinco composteláns, forma parte da sociedade e a cultura desta cidade”, afirmou o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, durante o acto de presentación e balance do décimo aniversario da biblioteca, no que estivo acompañado polo director do centro, Jesús Torres, e pola xefa do servizo de Sistemas Bibliotecarios da Subdirección Xeral de Bibliotecas, Consuelo Meiriño.

Lorenzo fixo fincapé en que “a cifra diaria de visitantes supera as 1.000 persoas, que veñen consultar os seus fondos, usar algún dos seus servizos ou participar nalgunha das múltiples actividades que se organizan”. Isto é, para el, un claro síntoma de que “as bibliotecas están afrontando o reto e respondendo ben” aos rápidos cambios que o desenvolvemento da sociedade da información e o coñecemento está a producir.

Cooperación interbibliotecaria

O secretario xeral de Cultura puxo en valor o Sistema Integrado de Xestión Bibliotecaria que se está a implantar na rede de bibliotecas públicas de xestión autonómica desde o ano pasado e que permite, mediante a cooperación interbibliotecaria “ofrecer servizos de maior calidade aos usuarios”. Puxo como exemplo o carné único, como mostra “do esforzo na innovación e mellora tecnolóxica das bibliotecas públicas galegas.”

Para Lorenzo, Ánxel Casal, o destacado galeguista, editor e alcalde republicano que lle dá nome á biblioteca “estaría ben orgulloso do que aquí se fai cada día, todos os días. Estaría moi satisfeito de que este espazo de comunicación, de participación aberta e plural leve o seu nome.”

Celebración do 10º aniversario da inauguración

O acto acolleu tamén a presentación das actividades de celebración do décimo aniversario da inauguración da biblioteca, que terán lugar o día 5 de abril. Ás 12.00 horas, todo aquel que o desexe pódese achegar á biblioteca para participar nunha visita guiada extraordinaria coa que coñecer os espazos e servizos que ofrece o centro.

Xa pola tarde, a partir das 18.00 horas, o salón de actos acollerá un acto institucional conducido pola escritora e contacontos Paula Carballeira, que rematará cunha distinción ao usuario ou usuaria número 40.000. A continuación, a presentadora ofrecerá o contacontos 400 camelos e 40.000 libros. Despois terá lugar o espectáculo musical As aventuras de Mamá Cabra, contos que saen dos libros, a cargo de Gloria Mosquera acompañada de Javier Constenla ao piano.

Ata o 7 de abril, o vestíbulo da biblioteca acolle tamén unha mostra bibliográfica da súa historia.

26 de marzo de 2018 | 17:17 • Sen comentarios

Comentarios pechados.