publicidade hoxe

Xuntanza aberta para debater os criterios de uso e xestión da Casa das Mulleres Xohana Torres

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaSantiago de Compostela
A-
A+

A Concellaría de Igualdade convoca a todos os colectivos de mulleres e feministas á primeira xuntanza aberta da Casa das Mulleres Xohana Torres. Esta xuntanza será este martes ás 18:30 horas e nela participará a concelleira de Igualdade, Marta Lois, para presentar o primeiro rascuño sobre criterios de uso e xestión desta instalación, inaugurada o 9 de novembro de 2017 e situada na rúa Bernardo Barreiro de Vázquez Varela.

A xuntanza convócase logo de reunións previas realizadas con asociacións, grupos feministas e de mulleres de Compostela, e dun período para facer achegas. A Concellaría de Igualdade aproveitará tamén este encontro para poñer en común as actividades para o Día Internacional das Mulleres. Trátase de coordinar os tempos e os espazos dos diferentes actos previstos tanto polo departamento municipal como polos colectivos. Tamén se buscará de darlles a maior e mellor difusión posible.

A Casa das Mulleres Xohana Torres foi inaugurada o 9 de novembro de 2017, co obxectivo de abrir un espazo de encontro feminista e de referencia para todas as mulleres compostelás. As súa principal finalidade é fortalecer as posicións destas en todos os ámbitos da vida mediante o encontro, o intercambio de coñecemento e experiencias, a formación e as redes de solidariedade.

Atendendo as demandas das mulleres de Compostela, a Concellaría de Igualdade quere apostar por un modelo de xestión múltiple, baseado na responsabilidade compartida entre o movemento feminista e asociativo das mulleres do municipio, tanto para o uso dos espazos, coma na programación de actividades e demais cuestións de interese relacionadas coa devandita xestión.

A Casa das Mulleres Xohana Torres, que leva o nome desta autora falecida pouco tempo antes da inauguración da instalación, tamén aspira a ser un lugar de debate e reflexión das mulleres para poder influír nas políticas, programas e proxectos que teñan coma finalidade avanzar cara a consecución da igualdade real efectiva de homes e mulleres en todos os ámbitos da vida, tanto social coma privada. Unha casa aberta á participación local na que tecer redes e xerar sinerxías entre as mulleres.

6 de febreiro de 2018 | 19:52 • Sen comentarios

Comentarios pechados.