publicidade hoxe

Xunta e decanos de Educación traballan na elaboración de mencións específicas para cada facultade

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaPortada esquerda
A-
A+
Román Rodríguez na reunión cos decanos

Román Rodríguez na reunión cos decanos

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, presidiu esta mañá a reunión de traballo mantida cos decanos das facultades de Ciencias da Educación das tres universidades do Sistema Universitario de Galicia (SUG). Na xuntanza abordouse unha das liñas de traballo xa contempladas no novo do mapa de titulacións para o período 2017-2021 no caso dos títulos multiplicados con alta demanda; así como no documento de conclusións sobre o Marco de Competencias Profesionais Docentes, presentado o pasado abril e elaborado entre o departamento educativo e as facultades.

En concreto, as accións pasan por homoxeneizar o que é a base do plan de estudos dos graos de Educación Infantil e Educación Primaria (isto é, os dous primeiros cursos) e favorecer que cada escola ou facultade adquira unhas mencións, orientacións ou especializacións específicas que favorezan a singularidade do título. Neste sentido, o conselleiro destacou que se traballará de xeito coordinado cos decanos das facultades co obxectivo de articular as vías máis oportunas para cada caso, xerar valor engadido a cada título e favorecer, en consecuencia, a mobilidade do alumnado dentro do SUG.

Traballo conxunto e pioneiro coas universidades

Román Rodríguez lembrou que o actual debate a nivel estatal sobre os retos que plantexa a profesión docente xa se abordou en Galicia nos últimos tempos. Deste xeito, recordou o grupo de traballo creado cos decanos –precisamente no que se enmarca a xuntanza de hoxe– para elaborar o Marco de Competencias Profesionais Docentes, un traballo pioneiro no conxunto do Estado. Cómpre destacar que no documento xurdido a raíz dese traballo defínense as competencias e habilidades básicas e necesarias que debe adquirir todo profesor ao longo da súa vida académica.

Así mesmo, o titular do departamento educativo da Xunta de Galicia tamén propuxo, con motivo da súa comparecencia no Senado sobre o Pacto educativo, vincular o número de prazas de acceso ás escolas de Maxisterio coa capacidade de absorción do sistema educativo a nivel de emprego, unha iniciativa compartida tamén pola Conferencia de Decanos.

Prestixiar a profesión desde o inicio

En definitiva, Galicia mantén, debido á súa bagaxe neste ámbito, unha posición de liderado no debate actual sobre a formación e o acceso á función docente. Tal e como salientou o conselleiro, o obxectivo último é prestixiar a carreira e a profesión, polo que se fai necesario aliñar o acceso ás facultades, a formación inicial, o acceso á función docente e a formación permanente, entendendo todas as fases como parte dun todo ligado e continuo.

Na reunión participaron, como membros do grupo de traballo entre Consellería e facultades de Ciencias das Educación, o director xeral de Educación, Manuel Corredoira; o subdirector xeral de Ordenación e Innovación educativa e Formación do profesorado, Manuel Vila; a subdirectora xeral de Inspección, Avaliación e Calidade do Sistema Educativo, Carmen Cimadevila; o subdirector xeral de Recursos Humanos, José Luis Canosa; e a xefa do servizo de Formación do profesorado, Fátima García Doval. Pola banda das universidades asistiron os decanos das facultades de Santiago, Lugo, Vigo e Pontevedra, e os vicedecanos da Coruña.

21 de febreiro de 2018 | 17:11 • Sen comentarios

Comentarios pechados.