publicidade hoxe

Xunta e Concello de Santiago colaboran para formar a 320 menores de 30 anos sen emprego a través de 19 cursos

Alfonso Marnotes na presentación do plan xuvenil

Alfonso Marnotes na presentación do plan xuvenil

A Xunta vén de asinar hoxe co Concello de Santiago un convenio de colaboración para ofrecer formación a preto de 320 menores de 30 anos sen emprego a través do Plan xuvenil de integración profesional mocidade con emprego, que inclúe un total de 19 cursos vinculados a certificados de profesionalidade con validez en todo o Estado.

O director xeral de Orientación e Promoción Laboral, Alfonso Marnotes, e a concelleira de Igualdade, Desenvolvemento Económico e Turismo, Marta Lois González, presentaron hoxe en Santiago a actuación cofinanciada polo Fondo Social Europeo, a través da Iniciativa de Emprego Xuvenil e Garantía Xuvenil. O orzamento que se investirá neste plan ascende a preto de 1,7 millóns de euros.

A formación centrarase en agricultura ecolóxica e e-commerce; xestión de repoboacións forestais e de tratamentos silvícolas; atención ao cliente, consumidor e usuario; actividades de venda e de auxiliares de comercio; xestión comercial de vendas; desenvolvemento de proxectos de sistemas de automatización industrial; montaxe e mantemento de sistemas domóticos e inmóticos; xestión de residuos urbanos e industriais; operación de estacións de tratamento de augas; avaliación da eficiencia enerxética das instalacións de edificios; certificación enerxética de edificios; eficiencia no uso de auga en edificios, viabilidade de instalacións solares e promoción do uso eficiente de enerxía; xestión de aloxamento rural; recepción en aloxamentos; xestión de departamentos da área de aloxamentos; atención sociosanitaria a persoas dependentes en institución sociais; organización e xestión de almacéns e actividades auxiliares de almacén.

O Concello de Santiago desenvolverá os itinerarios formativos mentres que a Xunta, a través da Consellería de Economía, Emprego e Industria, fará un seguimento das actividades formativas que se desenvolverán en centros de formación recoñecidos. A Administración autonómica, ademais, expedirá os correspondentes certificados de profesionalidade. Os alumnos seleccionaranse a través das oficinas de emprego.
O director xeral de Orientación e Promoción Laboral sinalou a aposta da Xunta pola formación para o emprego e a súa importancia para dar resposta aos novos perfís profesionais que está demandando o tecido produtivo galego cara ao desenvolvemento do novo modelo industrial e, polo tanto, para incrementar as oportunidades laborais das persoas sen emprego.

Así mesmo, puxo en valor a colaboración coas administracións locais para desenvolver este tipo de iniciativas e mellorar a empregabilidade da mocidade galega co obxectivo de que poidan atopar un emprego o máis axustado posible aos seus perfís profesionais.

Unidades formativas

Marnotes expuxo as ferramentas coas que conta o Goberno galego para impulsar a formación, entre as que destacou as unidades formativas na empresa dirixidas a empregados e ocupados, que permite ás compañías contar con persoal cualificado tras unha formación á carta, co apoio da Administración.

Para esta iniciativa, a Consellería de Economía, Emprego e Industria destina este ano 6,5 millóns de euros para formar a 2100 traballadores en 540 empresas galegas, que inclúe cualificación para firmas de sectores estratéxicos vinculados coa Axenda Industria 4.0.

Cualificación ocupados

Así mesmo, puxo en valor o plan de formación especializada e á carta dirixida a ocupados e autónomos de sectores estratéxicos e emerxentes da economía galega no que a Xunta inviste este ano na cidade de Santiago máis de 770.000 euros para o desenvolvemento de 85 cursos a través dos que se cualificarán 1350 alumnos e alumnas nas especialidades de construción, enerxías renovables e transporte, entre outros. A iniciativa, que se enmarca na Axenda 20, impártese en centros e entidades formativas privadas acreditadas ou inscritas pola Administración pública para impartir a formación profesional para o emprego.

“A Xunta ten na formación unha ferramenta fundamental para impulsar entre os máis novos o seu acceso ao mercado laboral”, concluíu.

12 de febreiro de 2018 | 16:56 • Sen comentarios

Comentarios pechados.