publicidade hoxe

Urbanismo valida a ordenanza que permitirá ao Concello de Vigo sacar á puxa pública soares ou edificios abandonados

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaVigo
A-
A+

A Xerencia de Urbanismo aprobará o ditame dunha ordenanza que permitirá ao Concello poñer no mercado soares e edificios que se atopen en estado de ruína ou abandono. O seguinte paso administrativo será a validación do Pleno e posterior exposición pública. As previsións do goberno local son que a norma estea en vigor no segundo trimestre do ano.

O alcalde, Abel Caballero, avanzou que no Consello da Xerencia municipal de Urbanismo de mañá xoves se aprobará o ditame da modificación da ordenanza reguladora de edificación forzosa e Rexistro municipal de soares do Concello, unha ferramenta que permitirá ao Concello “activar” soares e edificacións que se atopen en estado de ruína ou abandono.

Trátase dunha normativa “moi importante”, segundo expuxo o alcalde, pois co novo texto o goberno vigués poderá elaborar un rexistro municipal de vivendas e soares abandonados, propiedades que, unha vez incorporadas á nomeada listaxe, o Concello sacará ao mercado no prazo máximo dun ano por medio de puxa pública.

O alcalde puxo en valor unha ordenanza que servirá para actuar sobre soares de propiedade descoñecida ou desatendida e deste modo “axilizar” a recuperación duns espazos da cidade en mal estado, que en Vigo son numerosos. Caballero avanzou que se comezará cos casos máis urxentes, unha vez a norma entre en vigor.

Outro dos asuntos que se abordarán na Xerencia desta semana será a adxudicación por puxa pública das dúas últimas parcelas que quedaban na rúa Tomada (San Paio en Navia). Trátase dos números 251 e 252 do IPMS (Inventario do Patrimonio Municipal do Solo) e están destinadas á construción de vivendas unifamiliares. O importe da venda alcanzou os 205.600 euros.

Rehabilitación

O alcalde tamén anunciou que en próximos días se aprobará a licencia para a rehabilitación integral do edificio histórico situado na rúa Colón 31 que sufriu un pequeno incendio en xaneiro de 2016. Cun orzamento de 1 millón de euros, a reforma debe protexer elementos esenciais como recuperar a fachada principal orixinal, reubicar as seis portas de acceso á vivendas, carpinterías exteriores e forxa, lucernario e escaleira así como o patio mancomunado co número 29.

Tal e como explicou o rexedor, o inmoble pertence ao grupo de Casas para Álvaro López Mora, sitas en Colón 29 e 31, construídas en 1908 polo arquitecto Jenaro de la Fuente. Trátase da primeira obra deste gran profesional con influencias modernistas que foi levantado para o o político e director de Correos, Álvaro López Mora. Esta construción xa sufriu un grave incendio en 1909, cando estaba a punto de finalizar a obra.

21 de febreiro de 2018 | 17:43 • Sen comentarios

Comentarios pechados.