publicidade hoxe

Un total de oito carrozas, catorce comparsas e cinco grupos participarán no desfile do martes de Entroido

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaSantiago de Compostela
A-
A+

A gran cita do carnaval compostelán chega mañá co desfile-concurso do martes de Entroido. Ás 16.30 horas, a avenida de Ferrol servirá de punto de encontro para as carrozas, comparsas e charangas e persoas participantes. A principal novidade deste ano é que o punto de partida muda a esta rúa por mor das obras que se están executando na estación de ferrocarril.

Oito carrozas, catorce comparsas e cinco grupos intervirán en 2018 nesta festa para a que tamén se inscribiron 11 parellas e 8 persoas candidatas ao mellor disfrace individual. Para as carrozas haberá tres premios de 3.000, 2.000 e 1.000 euros. No caso das comparsas, que estarán compostas por un mínimo de 15 persoas, entregaranse premios de 2.400, 2.000 e 1.000 euros. Na categoría de grupos, formados por entre 6 e 15 persoas, hai tamén tres premios, de 800, 400 e 200 euros. Tamén serán premiados o disfrace á mellor parella, que recibirá 400 euros, e os mellores disfraces individuais, con 300, 200 e 100 euros para o primeiro, o segundo e o terceiro premio. Un total de 13.800 euros para as mellores propostas entroideiras.

A partir das 17:30 horas, percorrerán as rúas Romero Donallo, Santiago de Chile, Frei Rosendo Salvado, praza Roxa, República do Salvador, Hórreo e Senra, para rematar na avenida de Xoán Carlos I. A partir das 21:00 horas, a Sala Capitol será o escenario da entrega dos premios nunha festa que contará coa actuación de O Sonoro Maxín.

12 de febreiro de 2018 | 17:14 • Sen comentarios

Comentarios pechados.