publicidade hoxe

Un total de 130 persoas participaron nas xornadas de portas abertas do Intecmar

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaLocal PortadaPontevedra
A-
A+

Un total de 130 persoas participaron nas catro xornadas de portas abertas celebradas no Instituto Tecnolóxico para o Control do Medio Mariño (Intecmar) con motivo do seu 25 aniversario. Esta iniciativa obtivo moi boa acollida entre o público, de aí que se amplíe con dúas xornadas de portas abertas máis programadas para mañá, 8 de febreiro, e para o 22 de marzo.

A desta semana xa ten o aforo completo e para a do 22 de marzo as persoas interesadas en asistir poderán inscribirse neste enlace da web do Intecmar no que deberán indicar o día, o seu nome, enderezo de correo electrónico e teléfono de contacto. As xornadas celebraranse a partir das 12:00 horas e a cada unha delas poderán asistir arredor de 30 persoas.

Esta actividade repítese atendendo ao resultado das enquisas de satisfacción realizadas nas anteriores xornadas de portas abertas. Delas despréndese o valor de iniciativas deste tipo para dar a coñecer o labor de control do Intecmar. De feito, os resultados globais reflicten un alto grao de recomendación por parte dos participantes a outras persoas sobre a asistencia a este tipo de xornadas.

O obxectivo desta iniciativa é dar a coñecer a actividade deste centro dedicado ao control do medio mariño, un labor que leva exercendo desde 1992, cando naceu en Vilaxoán baixo o nome de Centro para o Control da Calidade do Medio Mariño. A súa finalidade é dar cumprimento á lexislación vixente en materia de calidade da produción de moluscos e outros organismos mariños e contribuír a protexer e mellorar a calidade do medio mariño.

Para iso traballa na área de seguridade alimentaria, mediante o control especialmente no que se refire a condicións oceanográficas, fitoplancto, biotoxinas mariñas, contaminación química -metais pesados, compostos organoclorados e hidrocarburos- microbioloxía e patoloxía. Tamén traballa na área de sanidade animal, realizando seguimento e control das patoloxías en moluscos bivalvos e nos eidos de observación do océano e a loita contra a contaminación mariña accidental, así como para prestar apoio científico e técnico nas emerxencias marítimas.

Estas accións desenvólveas en diferentes unidades analíticas que se amosan e explican nas xornadas de portas abertas. Nelas, antes da visita ás instalacións, os asistentes poderán coñecer todas estas funcións e a historia deste centro de referencia mundial, a través dunha charla ofrecida por persoal do Intecmar.

7 de febreiro de 2018 | 14:10 • Sen comentarios

Comentarios pechados.