publicidade hoxe

Turismo de Galicia presenta no Salon des Vacances de Bruxelas a oferta galega para este ano

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaGalicia exteriorPortada dereita
A-
A+

O Salon des Vacances da capital belga celebra este ano a súa 60 edición como un dos certames turísticos máis importantes do norte de Europa e conta, como en anos anteriores, coa presenza da oferta turística da nosa Comunidade a través dun espazo de promoción no que participa Turismo de Galicia. Así, desde onte e ata o domingo, o recinto feiral Brussels Expo acolle o expositor de Turespaña onde Turismo de Galicia promove a oferta turística con dous módulos no recinto español.

Os visitantes deste certame ao espazo galego adoitan ser viaxeiros que planifican e organizan individualmente as súas vacacións, con estadías de entre sete e 15 días. Tamén a España Verde, marca integrada por Galicia, Asturias, Cantabria e País Vasco, está moi consolidada neste mercado e un gran numero de viaxeiros percorren as comunidades que a conforman, iniciando o seu percorrido no País Vasco e rematando na nosa Comunidade.

Outra variante de turista opta por iniciar en Galicia a súa viaxe e concluír en Portugal, país co que a nosa Comunidade traballa en diversos proxectos. Para facer estes percorridos o medio de transporte máis habitual escollido polos viaxeiros belgas é o vehículo propio. Isto encaixa cun dos novos produtos impulsados este ano polo Goberno autonómico, Escenarios ao volante, 25 rutas insólitas polas mellores paisaxes da nosa Comunidade e 50 miradoiros a través de 900 quilómetros de estradas secundarias e locais de baixa intensidade de tráfico.

Polo que respecta á demanda turística de Bélxica en 2017, Galicia recibiu 17.687 visitantes que se aloxaron en establecementos hoteleiros da nosa Comunidade. Canto ás pernoitas, rexistráronse en Galicia 28.313 relacionadas cos viaxeiros procedentes deste país.

Medra o peso do turista internacional

A chegada de turistas estranxeiros a Galicia incrementouse un 8,6% en 2017, confirmando as previsións da Xunta e do sector. O turismo internacional marca así máximos históricos de volume e tamén no seu peso no conxunto da demanda, pois acada o 28,7%. Isto consolida o progresivo cambio que está a experimentar o mercado turístico galego nos últimos anos.

Ao longo deste ano, Turismo de Galicia participará en 25 feiras no estranxeiro, ademais de asistir a numerosos workshops e presentacións noutros países e de organizar press trips e fam trips como parte das súas competencias en materia de promoción da Comunidade.

2 de febreiro de 2018 | 14:04 • Sen comentarios

Comentarios pechados.