publicidade hoxe

Talía Teatro celebra o seu 30 aniversario coa estrea de “O servidor de dous amos” no Teatro Principal de Santiago

O Teatro Principal acolle esta semana a estrea do último espectáculo de Talía Teatro. A compañía compostelá celebra 30 anos de historia e faino con O servidor de dous amos, unha volta ao texto clásico do teatro italiano que dirixe e adapta Diego Rey. A obra terá catro funcións en Santiago de Compostela, do mércores 14 ao sábado 17 de febreiro, sempre ás 20:30 horas.

A estrea foi presentada en rolda de prensa pola concelleira de Acción Cultural, Branca Novoneyra; o actor e director da obra, Diego Rey; o actor e director da compañía, Artur Trillo; xunto con Dani Trillo e María Ordóñez, ambos integrantes do elenco da obra. Novoneyra parabenizou aos integrantes de Talía polos 30 anos de andadura e desexoulles cumprir outros 30 anos de “teatro galego e en galego”. A concelleira convidou tamén o público de Compostela a participar na #posfunción da obra, o encontro aberto co equipo da montaxe que se abrirá o xoves 15 de febreiro ao remate do pase.

O servidor de dous amos

Talía Teatro presenta unha revisión deste texto referencial da Commedia dell’Arte e ofrece unha re-invención da obra de Goldoni que respecta o ritmo, a comedia e o humor da peza orixinal, ao tempo que busca incorporar novas formas de teatralidade.

No seu 30 aniversario, a compañía compostelá reivindica a concepción do teatro renacentista italiano: a procura da innovación mediante o uso de todas as novidades escénicas posibles, a persecución do “espectáculo total” e a creación dunha obra que capaz de deixar abraiado a todo o público presente.

Así como a Commedia dell’Arte creaba unha paisaxe cómica e irreverente da sociedade italiana do momento, esta versión de 0 servidor de dous amos trata de construír un xoguete escénico onde os contratos matrimoniais son substituídos por contratos de construción, onde nobres e mandatarios son substituídos por empresarios e políticos, onde a vida mesma da nosa sociedade é retratada con irreverencia e descaro, buscando un espectáculo trepidante e deslinguado, tan mordaz como divertido.

Oito intérpretes desenvolverán en escena un espectáculo de gran formato onde todo será posible, onde a mentira e a confusión serán a base do xogo, onde os distintos espazos mudarán á vista do espectador, para facelo rir até de si mesmo.

Datos do espectáculo e venda de entradas

O espectáculo, recomendado para maiores de 13 anos, ten unha duración aproximada de 75 minutos e conta coa dirección de Diego Rey e Artur Trillo. Xurxo Barcala, Toño Casais, Marta Lado, María Ordóñez, Diego Rey, Marta Ríos e Artur trillo compoñen o elenco actoral desta obra, que conta con escenografía e iluminación de Diego Valeiras.

As entradas teñen un prezo de 12 euros, co desconto do 50% para os colectivos habituais (desempregados, maiores de 65 anos, xubiladas, menores de 25 anos, estudantes, familias monoparentais, familias numerosas e perceptores de rendas sociais) e poden mercarse no 981 910 544, en entradas.abanca.com ou no despacho de billetes do Teatro Principal (de martes a sábado, + días de evento, de 18:00 a 21:00 h).

12 de febreiro de 2018 | 17:10 • Sen comentarios

Comentarios pechados.