publicidade hoxe

Roi Casal inicia este sábado no Teatro Colón a xira “Son Galego, Son Cubano 2018”

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaA CoruñaCalendarioLocal Portada
A-
A+

Este sábado 3 de febreiro, Roi Casal comezará a xira Son Galego, Son cubano 2018 cun concerto no Teatro Colón da Coruña, promovido pola área de Cultura da Deputación da Coruña.

Son galego, Son cubano, o gran espectáculo musical entre Galiza e Cuba, foi presentado no Gran Teatro da Habana (Palacio do Centro Galego) no mes de Maio de 2016 con dous memorables concertos.

Un show inesquecible con letras de Neira Vilas e a posta en escena dos mellores músicos de ambos os dous paises, que foi visto en directo por máis de 60.000 persoas dende o seu estreo en Cuba.

Roi Casal traballou conxuntamente neste espectáculo con Neira Vilas ate o falecemento deste último en novembro de 2015. A xira é considerada unha fermosa homenaxe ao propio Neira Vilas e á emigración galega en Cuba, onde o escritor residiu 31 anos da súa vida para deixar rexistrada en varias das suas obras a incrible epopea dos galegos na illa caribeña.

En declaracións de Roi Casal “A Coruña é un dos lugares destacados cando se fala da emigración galega a Cuba. Os emigrantes que saían deste porto podían ollar, xa dende o mar, a bandeira da capitanía da Coruña, moi semellante á que pouco despois se estreou en Cuba. Tamén dende a Habana se puxo en marcha o que hoxe é a Real Academia Galega, e dende alá se sufragaron os custes da sede na Coruña durante case 30 anos. Todo isto foi recollido por Neira Vilas, o autor das letras deste espectáculo, que levaremos o sábado á Coruña por primeira vez dende o seu estreo en Cuba.”

A xira deste ano visitará países coma Suíza, Brasil, EEUU ou Canadá entre outros. Todas as datas están dispoñibles na web oficial songalegosoncubano.com O concerto está promovido pola área de Cultura da Deputación provincial da Coruña.

Dará comezo ás 20:00h do sábado 3 de febreiro no teatro Colón.

1 de febreiro de 2018 | 16:41 • Sen comentarios

Comentarios pechados.