publicidade hoxe

Ribeira licita tres obras de pavimentación e mellora de viais municipais que financia a Deputación da Coruña con 505.560 euros

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaLocal PortadaRiveira
A-
A+

O Boletín Oficial da Provincia publica hoxe a licitación de tres obras no concello de Ribeira, que financia o Plan Único da Deputación cun orzamento total de 505.560 euros.

Entre estes proxectos, atópanse as obras de pavimentación de 15 camiños en diversas parroquias do concello. Cun orzamento de 218.557,50 euros, financiados ao 100% pola Deputación, os traballos incluirán a pavimentación asfáltica con aglomerado en quente de 5 centímetros de espesor, para mellorar as condicións destes viais que na súa maioría están pavimentados con terra ou zahorra. Así mesmo, limparanse as marxes, a nivelación da superficie e o recrecido e acondicionamento das tapas das redes de subministro.

Os viais nos que se realizarán estas melloras serán os camiños desde a estrada de San Roque a Dean Pequeno, a prolongación da Rúa Escaleiras (Ribeira), desde a estrada de San Roque a Cruxeiras, Balteiro (Oleiros), A Igrexa (Oleiros, transversal de Salmón (Oleiros), Couso (Aguiño), Pe do Corniño (Carreira), Pedriñas (Carreira), Cruce do Vilar (Carreira), Estris (Artes), de Estrís á Gándara (Artes), Porto Alto (Corrubedo), transversal da Rúa do Colexio (Corrubedo) e a travesía Falcato (Corrubedo).

Melloras nas rúas do casco urbano

Por outra banda, o Plan Único tamén destina 183.911,36 á pavimentación e reparación das rúas Xoana Torres, Carlos Casares, Miguel Rodríguez Bautista, Alcalde Fernández Bermúdez, Cordieiro, A Habana, Valle Inclán, Castelao e Travesía Manzanares, todas elas situadas no casco urbano de Ribeira.

Os traballos incluirán a pavimentación con mestura bituminosa en quente, o fresado dos pavimentos, as demolicións necesarias para reparar os defectos e imperfeccións, o recrecido das tapas das redes de subministro e o pintado das marcas de sinalización viaria.

Renovación das beirarrúas na Avenida de Ferrol

O terceiro dos proxectos que saen hoxe a licitación corresponde á renovación de beirarrúas e pluviais na Avenida de Ferrol. O Plan Único destina 103.091 euros a estas obras, que se suman a outros 44.400 euros que a Deputación achega ao Concello de Ribeira a través dun convenio, para financiar estes traballos que mellorarán a seguridade viaria na avenida, que é unha das principais vias de acceso ao centro urbano.

Este orzamento, que ascende a un total de 147.491 euros, permitirá renovar a totalidade das beirarrúas en mal estado, substituíndoas por losetas de formigón de diferentes cores e pavimento tamén de formigón.

Asemade, instalarase unha nova rede de pluviais, que estará formada por un colector de PVC de 315 milímetros de diámetro,así coma arquetas, sumidoiros, pozos de rexistro e as acometidas das vivendas colindantes coa avenida. Este sistema evitará que se produza o anegamento da calzada a causa da choiva, como sucede na actualidade en varios tramos, mellorando así as condicións de circulación.

1,7 millóns para executar 13 obras en Ribeira

As achegas do plan provincial, que en 2017 destinou 1.693.182 euros ao municipio, permitirán executar un total de 13 obras, co obxectivo de renovar diversas rúas e beirarrúas do casco urbano e camiños rurais, así como financiar obras de saneamento en diversas parroquias.

Con cargo a estes case 1,7 millóns de euros, Ribeira financiará as obras de pavimentación e renovación da rede de pluviais na rúa Castelao (218.557,50 €), a creación dun parque infantil e biosaludable nos Muíños (70.615,55 €), a mellora dos aseos na biblioteca da rúa Xornalista M. L. Rivas (30.087,73€), saneamento en Carreira (71.285,17 €), Palmeira (67.755€) e os camiños de Cristal e Igrexa (63.946,61 €), pavimentación en varias parroquias (218.557,50 €), a renovación de beirarrúas e pluviais na Avenida de Ferrol (103.091,46€), o saneamento e pavimentación en diversos viais (54.613,70 €), a pavimentación de rúas do casco urbano (183.911,36€), melloras nos campos de fútbol de Aguiño e Carreira (47.441,93 €) e un proxecto para mellorar dotacións deportivas coma o campo de fútbol de Oleiros, o polideportivo de Artes e a pista de atletismo de A Fieiteira (30.225,45 €).

Asemade, o Plan Único da Deputación destinou 142.903 euros á redución da débeda do Concello con entidades financeiras, contribuíndo así a sanear a economía municipal.

7 de febreiro de 2018 | 18:53 • Sen comentarios

Comentarios pechados.