publicidade hoxe

Rey Varela destaca a mellora da accesibilidade e o acceso ao emprego como factores chave para a inclusión das persoas con discapacidade

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaFerrolGaliciaLocal Portada
A-
A+
Intervención do conselleiro de Política Social na xornada en Ferrol

Intervención do conselleiro de Política Social na xornada en Ferrol

O conselleiro de Política Social, José Manuel Rey Varela, participou hoxe na inauguración dunha xornada de traballo organizada pola Universidade da Coruña (UDC) no campus de Esteiro-Ferrol sobre os programas universitarios para a inserción laboral das persoas con discapacidade. Este encontro serviu para debuxar a situación actual e os retos de futuro que ten este colectivo para acceder ao mercado de traballo e tamén se reflexionou sobre como mellorar a inclusión deste alumnado nas aulas.

Na súa intervención, Rey Varela saudou esta iniciativa da UDC como mostra da súa implicación activa en prol da inclusión e que tamén se pon de manifesto nos cursos de verán sobre políticas de inclusión que tamén organiza a institución académica. “Temos a obriga de traballar en defensa dos dereitos e da igualdade de oportunidades, en especial das persoas con capacidades diferentes que son as que precisan un maior apoio e da empatía do conxunto da sociedade”, dixo.

Ademais, apuntou que a pesar dos avances acadados, este colectivo aínda ten que superar demasiadas barreiras que frean o seu pleno desenvolvemento en todos os ámbitos da vida. Ao respecto, salientou a liña de axudas aos concellos para a mellora da accesibilidade en edificios e espazos públicos e o paso adiante dado en materia de emprego coa próxima toma de posesión das primeiras persoas con discapacidade intelectual que conseguen un emprego fixo na Xunta e a última Oferta Pública de Emprego que reserva un 15% das súas prazas a persoas con discapacidade física e intelectual.

Nesta liña, o conselleiro manifestou que “a maior mostra de inclusión é facilitar o acceso ao emprego das persoas con distintas capacidade, que teñen moito que aportar á sociedade e que nos demostran cada día que todo é posible con esforzo, dedicación, constancia e un pouco de axuda”.

Por último, Rey Varela garantiu a continuidade do apoio do Goberno galego ás persoas con discapacidade e ás súas familias. De feito, os orzamentos autonómicos de 2018 aumentan case un 9% os recursos dirixidos a este colectivo, ata chegar a preto dos 103 millóns de euros. Este reforzo económico permitirá consolidar a rede de prazas residencias de atención diúrna, aumentar os convenios coas entidades e federacións, así como mellorar a liña de axudas para a mellora da accesibilidade nos concellos.

9 de febreiro de 2018 | 13:00 • Sen comentarios

Comentarios pechados.