publicidade hoxe

Perfecto Rodríguez subliña o labor de integración e socialización dos centros de maiores no X Aniversario do Centro de Día de Boiro

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaBoiroLocal Portada
A-
A+

O xerente do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar da Consellería de Política Social, Perfecto Rodríguez, asistiu esta mediodía, no Centro Social de Boiro, aos actos conmemorativos do 10º aniversario do centro de día da rede de atención ás persoas maiores da Xunta de Galicia nesa localidade coruñesa.

Rodríguez participou na presentación dun vídeo realizado coas testemuñas de usuarios, familias, profesionais, entidades e persoas colaboradoras, e Concello de Boiro, asistindo posteriormente á inauguración dunha exposición de fotografías do centro de día, titulada “10 anos con vós”, no salón de actos do Centro Social boirense.

Na súa intervención, ademais de agradecer ao persoal do centro de día de Boiro o seu labor nesta primeira década de funcionamento, o xerente do Consorcio salientou “a función de integración na comunidade e socialización que supoñen eses espazos para os nosos maiores –evitando a soidade e o illamento-, así como a súa importante contribución no eido da autonomía persoal, a prevención, a rehabilitación e a vellez activa, o que redunda sempre nunha mellor saúde e mellor calidade de vida”.
O centro de día de Boiro, recurso que inclúe os servizos de comedor e transporte, conta neste momento con 36 usuarios dun máximo de 40 prazas. Recentemente, o Consorcio realizou melloras por valor de 59.551,50 euros na fachada e na cuberta do edificio que comparte coa escola infantil da rede “A Galiña Azul” no lugar de Praia Xardín.

No conxunto da comunidade autónoma, o Consorcio xestiona neste momento 57 centros de día distribuídos por todo o territorio, que ofertan un total de 1.785 prazas, das que 784 corresponden aos 23 centros situados en localidades da provincia da Coruña.

20 de febreiro de 2018 | 17:29 • Sen comentarios

Comentarios pechados.