publicidade hoxe

Os clicks de Playmobil achegan a prehistoria ao público infantil no Sexto Edificio

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaPontevedraPontevedra
A-
A+

O Museo de Pontevedra exhibe, desde hoxe e ata o vindeiro 18 de xuño, un diorama que recrea escenas da Prehistoria con clicks de Playmobil, co obxecto de achegar esta etapa da evolución humana aos máis pequenos e pequenas e, ao tempo, animar ao público máis novo a que visite o Museo. A maqueta, de 3,85 por 1,22 metros, foi presentada esta mañá polo director do Museo, Carlos Valle, polo director creativo de Casvali, a empresa que a realizou, Javier Grela, e polo deputado de Cultura e Lingua, Xosé Leal.

Javier Grela afirmou que este recurso “combina obxectos reais procedentes de museos con outros de creación para que os máis pequenos coñezan as escenas máis representativas da Prehistoria a escala”. Así, o diorama reflicte diferentes accións humanas da época prehistórica, como son a caza, as covas, a pintura, o lume, e as especies de animais, algunhas delas xa extinguidas. A través do diorama, que será utilizado como complemento nas visitas escolares, tamén se poderá chegar a todo tipo de público interesado nesta época. Grela insistiu, ademais, en que os extraordinarios fondos do Museo “permiten a calquera visitante coñecer vestixios do pasado que desde Pontevedra nos trasladan a un mundo e unha época que xa non existen”. Todo a través dun centenar de figuras complementadas con obxectos e reproducións da época, de maneira que as recreacións toman escala real e serven de base para o coñecemento.

O diorama tamén inclúe 6 anacronismos co obxecto de inducir aos visitantes a reflexionar e identificar diferentes etapas históricas. “Entendemos que este recurso nos vai permitir chegar á cativada de xeito máis lúdico e didáctico” indicou Xosé Leal ao respecto. O deputado nacionalista tamén quixo facer fincapé en que “agora o Museo conta cun complemento para achegar aínda máis o público infantil á Prehistoria, aproveitando sinerxias entre a didáctica e a parte lúdica, e tamén co rigor que sempre caracterizou a esta institución”. A idea é que as persoas que visiten o Museo teñan unha introdución ao inicio da evolución humana que poden continuar nas salas de Arqueoloxía primeiro, e no resto das instalacións despois para contemplar testemuños da historia a través das artes, ata a actualidade.

21 de febreiro de 2018 | 17:39 • Sen comentarios

Comentarios pechados.