publicidade hoxe

Ortigueira licita a rexeneración de 11 viais e reformas no pavillón polideportivo financiadas co Plan Único da Deputación

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaOrtigueira
A-
A+

O Boletín Oficial da Provincia publica hoxe a licitación de dous proxectos no Concello de Ortigueira para reformar o pavillón polideportivo do CEIP José M. Lage e mellorar as pavimentacións de 11 viais en diversas parroquias do municipio. A Deputación da Coruña financia a totalidade do custo destas obras, incluídas no Plan Único, achegando un total de 194.412 euros.

Os viais que se reformarán serán pistas de titularidade municipal, dando prioridade a aquelas que dan servizo aos principais núcleos de poboación do concello. Na parroquia de Céltigos, actuarase nos viais que unen a estrada da Deputación DP 6102 con Cabaleiro e Espasante. Tamén en Loiba mellorarase a conexión entre a estrada de titularidade provincial 6104 e Furnas. Así mesmo, en Espasante acometerase a rexeneración das pistas de Porto a Outeiro e de Penaquente, e en San Adrian realizaranse obras nos viais de Fabás ao límite co Concello de Cariño e no camiño de Escolar a Miñeixa. De igual modo renovaranse os pavimentos dos viais de Barreiros a Axilde (San Claudio), de Caxigueira de Abaixo (As Neves), de Caneiro ao límite co Concello de Cerdido (O Ermo) e o camiño de Barral (Cuiña).

Para este proxecto, a Deputación destina 146.467,11 euros, que permitirán actuara nun total de 6.820 metros de viais, con traballos que irán desde a raparación de baches e gretas ata a limpeza das marxes e a repavimentación dos tramos máis deteriorados.

Novo illamento no pavillón polideportivo

O segundo proxecto do Plan Único en Ortigueira que sae hoxe a licitación ten un orzamento de 47.945 e consistirá na reforma do pavillón polideportivo do colexio CEIP José M. Lage, situado no núcleo urbano de Santa Marta. Estas instalacións utilízanse tanto para as actividades de educación física do colexio como polo resto de veciños do municipio, xa que se trata do único pavillón que existe no concello.

As actuacións estarán destinadas principalmente a evitar a entrada de auga de choiva, que ocasiona graves desperfectos no inmoble. Para elo, desmontarase parte do cerramento exterior,levantaranse as carpinterías en mal estado e retiraranse os canalóns, ás baixantes e os selados das ventás. Posteriormente, instalaranse novos illamentos, acristalamentos de seguridade nas fiestras e nas portas de emerxencias selaranse as ventás con silicona.

En canto á cuberta, repararanse os desperfectos e colocarase unha chapa de aluminio na fachada sur para evitar infiltracións de auga, así coma novos canalóns e baixantes.

Paralelamente, tamén se levarán a cabo obras de conservación no edificio, coma o lavado das pinturas das vigas e piares metálicos, a limpeza do terreo no perímetro do edificio e o repintado tanto do exterior coma do interior.

14 de febreiro de 2018 | 17:16 • Sen comentarios

Comentarios pechados.