publicidade hoxe

O Vindel acolle a celebración do Día Internacional da Lingua Materna

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaPortada dereitaVigo
A-
A+
Valentín García nos actos celebrados no Museo do Mar

Valentín García nos actos celebrados no Museo do Mar

O Museo do Mar de Galicia “convertido en espazo emblemático pola presenza do Pergamiño Vindel”, segundo explicou o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, acolleu hoxe á mañá a celebración institucional do Día Internacional da Lingua Galega, promovida desde a UNESCO e secundada por sexto ano desde a Rede de Dinamización Lingüística (RDL) da Xunta de Galicia. Deste xeito, pretenden chamar a atención sobre a “permanencia e transmisión de xeración en xeración na mesma lingua galega na que Martín Códax cantou hai oito séculos a través dunha cadea que nos liga co noso pasado e co noso futuro e que as presentes xeracións temos a obriga e a responsabilidade de manter”, destacou García.

O lema da UNESCO para a celebración, coa que se quere impulsar o coñecemento e a práctica das linguas maternas en todos os eidos da sociedade, é Preservar a diversidade lingüística e promover o plurilingüismo para apoiar os obxectivos de desenvolvemento sustentable. Con el quérese destacar o papel das linguas locais, especialmente as minoritarias, para lograr unha educación de calidade que permita que cada persoa poida chegar a ser todo o que desexa e a integrarse plenamente na sociedade.

Acompañaron o secretario xeral nesta conmemoración o delegado territorial da Xunta en Vigo, Ignacio López-Chavez; as concelleiras de Cultura e de Educación redondelás, Teresa París e Ángela Antón, respectivamente; e o director do Museo, Vicente Caramés.

Celebrar a lingua materna co Vindel

A Rede de Dinamización Lingüística celebrou hoxe a festa da Lingua Materna no Museo do Mar de Galicia, onde se encontra exposta ata o vindeiro marzo unha das xoias do idioma galego, o Pergamiño Vindel, que contén as sete cantigas de amigo de Martín Códax. Ata alí acudiron nenos e nenas que cursan 4º e 5º de educación infantil no CEIP Outeiro das Penas de Cesantes, Redondela, concello pertencente á Rede de Dinamización Lingüística. No marco da celebración, estes alumnos tiveron oportunidade de gozar do Cancioneiro miúdo dos trobadores Alfredo e Christian, do grupo A Roda, e dunha visita á exposición O Pergamiño Vindel, un tesouro en sete cantigas e mais ao acuario.

A Xunta de Galicia vén sumándose a esta conmemoración desde o 2011 e a RDL incorporouse a ela dous anos despois, tras a súa creación, contextualizándoa na nosa comunidade, orientándoa á promoción e transmisión da lingua galega e celebrando cada ano un acto institucional en colaboración cun dos seus concellos adscritos (nesta ocasión, ao pé do Pergamiño Vindel). O Portal da Lingua Galega www.lingua.gal ofrece, ademais, información e recursos sobre o Día Internacional da Lingua Materna 2018.

A lingua materna

A lingua materna é aquela en que os nenos e nenas aprenden a falar e a relacionarse co seu contorno máis próximo. A UNESCO quere impulsar o coñecemento e a práctica das linguas maternas de menos falantes tamén na escola, nos medios de comunicación, na internet… fóra dos ámbitos en que moitas delas quedan recluídas. O Día Internacional da Lingua Materna estableceuse para sensibilizar acerca da importancia dos idiomas e da función vital que desempeñan no desenvolvemento, ao garantir a diversidade e o diálogo intercultural, así como o fortalecemento da cooperación e a consecución da educación de calidade para todos, a construción de sociedades do coñecemento integradoras e a preservación do patrimonio cultural.

21 de febreiro de 2018 | 17:05 • Sen comentarios

Comentarios pechados.