publicidade hoxe

O sector da planta ornamental consolídase en Galicia cunha facturación anual de 398 millóns de euros

Belén do Campo na inauguración da feira Arco Verde

Belén do Campo na inauguración da feira Arco Verde

A directora xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, Belén do Campo, asistiu esta mañá á inauguración da IX edición da feira Arco Verde e XV exposición de produtores de planta de Galicia, no recinto feiral de Amio. Alí destacou o peso que ten este sector na economía galega, xa que factura máis de 39 millóns de euros ao ano e se consolida como un eido produtivo clave ao dar emprego a máis de 1.500 traballadores directos.

Belén do Campo sinalou que o sector da planta ornamental resulta especialmente atractivo en termos de rendibilidade agraria, xa que é un dos cultivos que máis renda xera por unidade de superficie. Así, explicou que Galicia é con diferencia a maior produtora de camelia a nivel europeo, consolidándose tamén a nivel nacional na produción de hortensia, rododendro, azalea, abelia, acivro e coníferas de peche.

No tocante aos datos de exportación, a directora xeral indicou que dos 39 millóns facturados no ano 2016, o 20% correspóndense á ventas no exterior, converténdonos na quinta comunidade que máis exporta a nivel nacional. Se analizamos o mercado internacional, os principais destinos da planta galega son Francia, Alemaña, Reino Unido e Portugal.

Belén do Campo aproveitou a súa intervención para agradecer o traballo que realiza a Asociación de Viveristas del Noroeste (Asvinor), que aglutina a 37 produtores responsables do 82% da produción de planta de Galicia. Cifra que, segundo explicou, chega aos 291 produtores galegos inscritos no Rexistro Nacional de Productores de Semillas y Plantas de Vivero (Prosemplan).

Feira Arco Verde

Os asistentes á IX feira Arco Verde poderán desfrutar de charlas técnicas para profesionais da produción e venta de planta ornamental, así como outras de carácter máis técnico relacionadas coa mellora da xenética do castiñeiro, caracterización de variedades autóctonas de mazás de sidra, sanidade vexetal e técnicas comerciais.

15 de febreiro de 2018 | 13:33 • Sen comentarios

Comentarios pechados.