publicidade hoxe

O proxecto de sinalización e mellora do Camiño Portugués da Costa contará cun investimento de 700.000 euros

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaVigo
A-
A+

A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, presentou hoxe o proxecto de sinalización e mellora do Camiño Portugués da Costa aos alcaldes dos concellos polos que discorre este itinerario xacobeo. Á xuntanza, na que tamén participou o delegado da Xunta en Vigo, Ignacio López-Chaves, foron convocados todos os municipios nos que se desenvolverán os traballos e contou coa asistencia da súa práctica totalidade. En concreto, asistiron ao encontro os rexedores da Guarda, O Rosal, Oia, Baiona e Nigrán.

Este proxecto, actualmente na súa fase de licitación, conta cun investimento superior aos 700.000 euros, que servirán para revitalizar, promover e poñer en valor esta ruta xacobea que foi recoñecida oficialmente en 2016 grazas á nova Lei do patrimonio cultural de Galicia impulsada polo Goberno autonómico. Deste xeito, os traballos desenvolverase segundo a delimitación aprobada entón. Dáse así continuidade á sinalización provisional que xa fora colocada por Turismo de Galicia ao longo do seu trazado o pasado ano como reforzo.

Este proxecto de sinalización e mellora inclúese no cronograma previsto polo Plan director do Camiño de Santiago, que avanza en oito liñas estratéxicas simultáneas desde hai máis de dous anos coa vista na celebración do Xacobeo 2021. Ao abeiro deste plan, Turismo de Galicia centra os seus investimentos en diferentes rutas cada ano. Este 2018 é a quenda do Camiño Portugués da Costa e do Camiño Portugués. Nos vindeiros días está previsto manter unha segunda xuntanza cos alcaldes deste segundo itinerario que entra en Galicia por Tui e percorre outros 16 municipios das provincias de Pontevedra e da Coruña.

Desde a súa aprobación, o Plan director do Camiño de Santiago xa actuou en cinco rutas: o Camiño Francés, o Camiño do Norte, o Camiño Primitivo, o Camiño Inglés e o Camiño de Fisterra e Muxía. Neste último caso, as actuacións estanse a executar nestes momentos. Nos próximos anos seguirá o mesmo protocolo co resto de itinerarios oficiais existentes.

Diálogo e posta en común

A xuntanza de hoxe serviu para explicar as características do proxecto e as directrices que guían as decisións tomadas ao respecto. Ademais, Turismo de Galicia púxose a disposición de calquera aclaración dos concellos implicados en relación ás actuacións previstas.

Como en anteriores ocasións, a cita permitiu manter un diálogo con todos os representantes municipais e pór en común cuestións de interese para todos estes concellos, que puideron coñecer cales serán as obras específicas que se executen nos seus termos municipais.

En conxunto, o investimento este ano no Camiño Portugués e o Camiño Portugués da Costa acada os 2,5 millóns de euros, ao que se engade o disposto para outras iniciativas tanto de dinamización sociocultural como de promoción e divulgación entre os máis novos.

Estes traballos beneficiarán á propia poboación local e aos milleiros de peregrinos que cada ano percorren estes itinerarios, que non deixan de gañar importancia. No pasado ano, en conxunto superaron os 66.000 camiñantes, cun incremento de preto do 28% sobre 2016.

8 de febreiro de 2018 | 21:50 • Sen comentarios

Comentarios pechados.