publicidade hoxe

O Plan de (tele)formación en lingua galega da Xunta estreará o curso do Celga 4 en liña este ano

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaPortada esquerda
A-
A+

O Plan de (tele)formación en lingua galega da Xunta de Galicia estreará este ano o curso preparatorio das probas de acreditación do Celga no seu nivel 4, o máis alto que se pode obter por medio desta vía. O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a Resolución do 25 de xaneiro de 2018, da Secretaría Xeral de Política Lingüística, pola que se anuncia a convocatoria de cursos de lingua galega preparatorios das probas para obter, con carácter voluntario e gratuíto, os certificados de lingua galega Celga 1, Celga 2, Celga 3 e Celga 4 (ED104B).

A convocatoria, que xa está dispoñible no Portal da Lingua Galega www.lingua.gal, ofrece un total de 35 cursos, dos cales se impartirán 25 baixo a modalidade presencial (en 18 localidades galegas) e 10 baixo a modalidade en liña (3 do Celga 1 e 7 do Celga 4, destinados tanto a persoas con residencia en Galicia coma no exterior). O prazo de presentación de solicitudes abrangue desde mañá día 7 ata o 26 do presente mes. No caso dos 10 cursos de teleformación a inscrición debe facerse exclusivamente a través da sede electrónica da Xunta de Galicia, no que tamén estarán á disposición da cidadanía os formularios de solicitude dos cursos presenciais.

As localidades de realización destes últimos, susceptibles de modificacións en función da demanda efectiva, serán A Coruña, A Estrada, Betanzos, Carballo, Culleredo, Ferrol, Lugo, Marín, O Carballiño, Ourense, Ponteareas, Pontevedra, Redondela, Ribadeo, Santiago de Compostela, Sarria, Vigo e Vilagarcía de Arousa. As datas de desenvolvemento serán, simultaneamente, do 3 de abril ao 23/24 de maio.

O novo curso preparatorio do Celga 4 súmase ao xa existente do Celga 1, mentres que a Secretaría Xeral de Política Lingüística traballa xa no deseño dos dous cursos preparatorios dos niveis 2 e 3 en liña, que completarán a oferta de teleformación destinada a que as persoas maiores de 16 anos, que así o queiran ou necesiten, melloren as súas competencias lingüísticas en galego botando man das tecnoloxías da comunicación e do coñecemento, con independencia do lugar de residencia e flexibilidade horaria no seu seguimento. O departamento dirixido por Valentín García convocará no mes de marzo as probas de acreditación do Celga nos seus catro niveis, cuxa realización se prevé para os días 26 e 27 de maio e 2 e 3 de xuño.

6 de febreiro de 2018 | 17:52 • Sen comentarios

Comentarios pechados.