publicidade hoxe

O pianista francés Alexandre Kantorow, de tan só 20 anos, toca esta semana coa Real Filharmonía

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCalendarioLocal PortadaSantiago de CompostelaVigo
A-
A+

A Real Filharmonía de Galicia ofrece esta semana dous concertos. O primeiro terá lugar o xoves 22 no Teatro Afundación de Vigo, ás 20:30 horas, dentro da tempada de música clásica da Sociedade Filharmónica de Vigo e Afundación. E o venres 23, a orquestra tocará na súa sede, o Auditorio de Galicia, tamén ás 20:30 horas, no marco da súa tempada de abono. O mestre Jonathan Webb, principal director convidado da RFG, levará a batuta de ambos os dous concertos.

O programa comezará con Música para un funeral masónico, de Mozart (1756-1791). A peza foi escrita para un servizo celebrado en memoria de dous irmáns masónicos do compositor, membros da aristocracia vienesa. É unha obra de gran beleza e mestría, especialmente por combinar o sentimento masónico co mesmo ritmo fúnebre que o propio Mozart escribiría máis tarde na súa Misa de Réquiem.

Os concertos continuarán co Concerto para piano nº 4, que Saint- Saëns (1835-1921) compuxo aos seus 23 anos e que el mesmo tocou na súa estrea. Nesta ocasión, a obra será interpretada ao piano por Alexandre Kantorow, no que será o seu debut cunha orquestra en España.

O programa concluirá coa Sinfonía nº 2 de Chaikovski (1840-1893). É coñecida como “Pequena Rusia” en referencia a Ucraína, como era chamada entón polos rusos, e nela faise uso de melodías do folclore ucraíno.

Alexandre Kantorow ao piano

O mozo pianista francés Alexandre Kantorow, de tan só 20 anos, formouse no Conservatorio Superior de París. Tras obter varios primeiros premios en concursos internacionais, debuta con Haruko Ueda no Festival de Taverny, con Jean-Jacques Kantorow (o seu pai) no Festival da Vézère e con varias orquestras como a Orquestra de Cámara de Burdeos, a Sinfónica de Orleans e a Orquestra de Kaunas (Lituania). Ademais de agrupacións europeas, tamén tocou con orquestras de China e Xapón.

En 2014 gravou o seu primeiro CD de sonatas francesas inéditas para violín e piano co seu pai. En 2015 publicou o seu segundo e terceiro disco. E proximamente sacará un novo disco cos Concertos para piano nº 4 e 5 de Saint- Saëns.

Conversando co mestre Jonathan Webb

Antes da celebración do concerto de abono do venres en Santiago, o público asistente terá a oportunidade de manter unha charla previa co mestre Jonathan Webb, principal director convidado da Real Filharmonía de Galicia dende outubro de 2016 e actual director musical da Camerata Strumentale “Città di Prato”.

A cita será ás 19:45 horas na Sala Mozart do Auditorio de Galicia. Esta iniciativa enmárcase dentro da experiencia Convers@ndo con, que promove a RFG antes de cada concerto, coa finalidade de achegar a música ao público de maneira informal e distendida. Poderase participar neste encontro presentando a entrada do concerto.

Jonathan Webb estudou piano, violín, canto coral e dirección de orquestra en Manchester, onde debutou no Teatro da Ópera con West Side Story. É convidado con frecuencia en salas de concertos de toda Europa e dirixe agrupacións en Israel, China, Xapón, Tel Aviv… Dirixiu un concerto no Coliseo de Roma, o primeiro que se celebraba en 1.500 anos, con motivo do evento “Colosseo 2000”.

19 de febreiro de 2018 | 17:02 • Sen comentarios

Comentarios pechados.