publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

O goberno vigués aproba a cesión dos terreos da futura vía verde ata Redondela

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaRedondelaVigo
A-
A+

A Xunta de Goberno Local deste xoves aprobou o contrato de aluguer con ADIF para a asunción dos terreos da antiga vía do tren en superficie, desde Urzáiz ata Redondela, por un prezo simbólico de tres mil euros anuais. “Unha vez asinado, encargaremos o proxecto” da futura senda verde, avanzou Abel Caballero.

O alcalde recordou que estes terreos foron desafectados no mes de decembro e que este xoves deuse luz verde ao contrato con ADIF para o aluguer, de cara a convertelos nun corredor verde de catro quilómetros ata Redondela.

Abel Caballero explicou que o acordo será rubricado co Administrador de Infraestruturas Ferroviarias “de forma inmediata”, tan pronto ADIF valide o contrato, e, “unha vez asinado, encargaremos o proxecto”.

O Concello de Vigo xa traballa no deseño da vía verde, que presenta unha zona urbana no treito máis próximo a Urzáiz e outro espazo con máis zona verde. O goberno vigués propón para o futuro corredor verde de Urzáiz a Redondela que sexa unha localización “tranquila, para bicis e tamén con zonas para eventos lúdicos”.

Caballero recordou que a futura vía verde é posible pola construción do túnel de saída dos trens de Urzáiz, un cambio de proxecto conseguido co propio Caballero na Alcaldía xa que a planificación de Fomento era construir a entrada do AVE en Vigo en superficie, “rompendo Teis”. O rexedor recordou que o proxecto estaba “tan avanzado” que xa se fixeran expropiacións.

María Berdiales

En rolda de prensa, o alcalde tamén deu conta da clasificación de ofertas -antiga adxudicación provisional- para a humanización de María Berdiales, cun importe próximo aos 200.000 euros e catro meses de prazo estimado de obras.

Como vén sendo habitual nas humanizacións, o Concello renovará no nomeado vial os pavimentos, as redes de abastecemento, saneamento e o sistema de alumeado. Tamén se incorporará unha nova rede de rego, nova sinalización e mobiliario urbano, xardineiras e arborado.

Vivenda

Por último, Caballero tamén informou da cesión temporal dunha vivenda municipal a unha muller víctima de violencia de xénero, que se prorroga por segunda vez e, “en tanto teña necesidade desta, a terá á súa disposición”.

O alcalde recordou que o Centro Municipal de Información dos Dereitos da Muller conta cun equipo multidisciplinar formado por unha avogada, unha psicóloga e unha traballadora social que prestan atención ás mulleres que están nos pisos municipais adicados ao efecto.

15 de febreiro de 2018 | 17:00 • Sen comentarios

Comentarios pechados.