publicidade hoxe

O goberno galego inviste máis de medio millón de euros anualmente no mantemento da EOI de Ribadeo, que oferta catro linguas con máis de 300 alumnos matriculados

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaRibadeo
A-
A+

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria inviste máis de 500.000 euros anualmente no sostemento e funcionamento da Escola Oficial de Idiomas (EOI) de Ribadeo, emprazada no edificio indiano coñecido como a Casa do Óptico. O groso do investimento está destinado a custos de persoal, entre eles, os once docentes que na actualidade traballan neste centro.

Neste curso académico a matriculación na escola supera os 300 alumnos, que estudan as ensinanzas conducentes ao aprendizaxe de catro linguas diferentes, en concreto, os niveis básico, intermedio e avanzado de alemán, francés, inglés e italiano, así como nivel C1 de inglés, a modalidade a distancia “That´s Enghish” e outras probas de ensino libre.

Así o explicou esta mañá o delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, durante unha visita ao centro onde puxo en valor a importancia deste servizo, de xeito especial no contexto actual “no que o coñecemento de idiomas é cada día máis necesario para acceder ao mercado laboral ou para mellorar as perspectivas profesionais”.

Oferta catro idiomas con 306 matriculados

Balseiro explicou tamén que, por orde de preferencia, o inglés segue a ser a lingua con máis número de matriculados seguido do francés, alemán e italiano (estes dous últimos co mesmo número total de matrículas). Ademais na modalidade a distancia hai matriculados 22 alumnos, 9 estudantes máis no curso de CALC B1 en inglés (para docentes) e nos catro idiomas ofértase tamén a posibilidade de ensino libre, no que só é preciso realizar as avaliacións.

En inglés hai matriculados 40 estudantes nos distintos grupos de nivel básico, 53 estudantes nos grupos nivel intermedio, e 61 nos grupos de nivel avanzado. Tamén hai que incluír os 17 alumnos do curso en inglés C1.

En francés, 25 estudantes nos distintos grupos de nivel básico, 8 estudantes nos grupos nivel intermedio, e 12 nos grupos de nivel avanzado. Nas ensinanzas de lingua alemá, 13 estudantes en nivel básico, 7 en nivel intermedio e 9 estudantes máis en nivel avanzado. Finalmente, en italiano hai matriculados 12 alumnos en nivel básico, 13 en nivel intermedio e 4 máis en nivel superior.

A escola ribadense tamén ten en funcionamento un club de lectura e foi seleccionada para incorporarse ao Plan Mellora de Bibliotecas Escolares de Galicia grazas ao que recibe unha axuda anual estimada de 6.400 euros.

Balseiro concluíu salientando que a Escola Oficial de Idiomas presta un servizo educativo fundamental en Ribadeo e na súa comarca, e está especialmente indicada para os mozos e mozas que queren ampliar os estudos con vistas a incrementar a súa cualificación, así como a persoas e profesionais de todas as ideas que desexen mellorar as súas expectativas profesionais.

5 de febreiro de 2018 | 19:58 • Sen comentarios

Comentarios pechados.