publicidade hoxe

O Diario Oficial da UE publica o inicio da elaboración da 2ª fase do Plan de transporte público de Galicia

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaGalicia exteriorPortada dereita
A-
A+

O Diario Oficial da Unión Europea publica hoxe o anuncio do inicio da elaboración da segunda fase do Plan de Transporte Público de Galicia. Cúmprese así co establecido no Regulamento 170/2009 da UE, sobre os servizos públicos de transporte de viaxeiros por ferrocarril e estrada, que establece que, doce meses antes da licitación dos servizos se publiquen os criterios básicos que seguirá o procedemento.

Ese anuncio deixa blindada a atención prioritaria aos escolares e a obriga de contar cun monitor acompañante en todos os casos nos que se opte pola modalidade de autobuses compartidos.

Con este anuncio, o Goberno galego dá así un paso máis no proceso de modernización e actualización de transporte público de viaxeiros por estrada, cuxas concesións serán adxudicadas con contratos de duración de dez anos. A Xunta licitou a semana pasada os estudos para a 2ª fase do Plan de Transporte, cun investimento de 2,7 millóns de euros destinado a que Galicia teña en 2020 un servizo moderno e acorde ás necesidades reais.

No 2º semestre do ano efectuarase o traballo de campo e a definición de liñas e elaboración dos proxectos de explotación das concesións, de xeito que no 1º trimestre de 2019 se poidan someter a información pública. Este proceso ten como obxectivo que en verán de 2019 se poidan aprobar os proxectos e iniciar a contratación para que a finais dese ano poidan poñerse en marca os servizos.

O Goberno galego, para avanzar cara a 2ª fase do plan, levará a cabo un fondo estudo da situación e das necesidades actuais e futuras mediante un traballo de campo rigorosamente planificado. Analizaranse con detalle os servizos que se prestan na actualidade, mantendo encontros cos responsables municipais e facendo enquisas nos centros de demanda para coordinar os horarios dos autobuses cos dos servizos que prestan neles.

A Xunta, considerando o balance positivo da 1ª fase do plan, que entrou en funcionamento o pasado mes de agosto, continuará tendo en conta a posibilidade de establecer servizos a demanda naqueles casos nos que se xustifique e o transporte compartido, definindo sempre as liñas de xeito que garantan o servizo aos centros educativos e a seguridade, mantendo a figura do monitor acompañante, tal e como está funcionando a día de hoxe.

Cómpre lembrar que nestes seis meses de funcionamento se ten rexistrado un incremento dun 4% no número de viaxeiros do transporte público de uso xeral. Tamén aumentaron o número de km percorridos polos autobuses un 36% e triplicouse o número de paradas, o que significou unha mellor cobertura en moitas partes de Galicia.

Esta iniciativa contemplou a implantación de novos modelos de transporte como os servizos a demanda, autobuses que só circulan no caso de que algún usuario o solicite na central de reservas, que recibiu preto de 500 chamadas nestes meses, especialmente durante o Nadal, por ser en período non lectivo no que se incrementan este tipo de servizos.

Outra nova modalidade tamén foi o sistema de transporte compartido, no que o mesmo autobús que leva aos rapaces á escola sempre cun monitor acompañante e, as prazas que queden baleiras poden aproveitalas o público en xeral. Nas 491 liñas integradas, xa foron máis de 40.000 persoas as que aproveitaron estes autobuses escolares para facer os seus desprazamentos, un sistema eficiente que ademais incide na calidade de vida do rural de Galicia, posto que é aí onde este sistema funciona.

20 de febreiro de 2018 | 17:08 • Sen comentarios

Comentarios pechados.