publicidade hoxe

O conselleiro de Política Social enxalza o traballo das entidades sociais na mellora da calidade de vida das persoas con discapacidade

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaNarón
A-
A+

O conselleiro de Política Social, José Manuel Rey Varela, enxalzou hoxe, durante unha visita ás instalación da Asociación Nosa Señora de Chamorro, o labor desta entidade para dar resposta ás necesidades e expectativas das persoas con discapacidade intelectual. Nesta visita tamén participou a directora xeral de Maiores e Persoas con Discapacidade, Fabiola García Martínez.

Rey Varela resaltou a oferta asistencial e ocupacional da Nosa Señora de Chamorro, entidade que cualificou de “senlleira” na comarca e no conxunto de Galicia, ao tempo que garantiu a continuidade do apoio da Xunta que se reflicte no concerto de 132 prazas nos seus centros ocupacional e asistencial e que supón un investimento anual superior ao millón de euros. “Hoxe visitamos un servizo de referencia para as persoas con discapacidade intelectual, que contribúe a que estas superen as barreiras arquitectónicas e laborais que aínda persisten na sociedade”.

O conselleiro destacou a ampla oferta en talleres ocupacionais de carácter innovador que ten a asociación naronesa. Ao respecto, saudou o feito de que conte cunha plataforma de correo electrónica propia onde se vende os produtos artesanais que se elaboran en ditos talleres. Dita plataforma gañou o ano pasado o Premio Son Dixital promovido pola Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega).

Así mesmo, indicou que a Consellería de Política Social ten en marcha un plan de mellora de accesibilidade a espazos e edificios públicos, que contempla a concesión de axudas aos concellos para tal fin. No ámbito do emprego subliñou o paso adiante dado coa última Oferta Pública de Emprego convocada pola Xunta, que reserva un 15% das prazas a persoas con discapacidade.

Por último, Rey destacou feito de que os orzamentos autonómicos de 2018 aumenten case un 9% os recursos dirixidos ás persoas con discapacidade, ata chegar a preto dos 103 millóns de euros. Esta maior marxe económica permitirá consolidar a rede de prazas residencias de atención diúrna, aumentar os convenios coas entidades e federacións, mellorar a liña de axudas para a mellora da accesibilidade nos concellos e reforzar o plan de atención temperá.

23 de febreiro de 2018 | 14:01 • Sen comentarios

Comentarios pechados.