publicidade hoxe

O Centro Tecnolóxico do Mar organiza un taller sobre cómo facer fronte ao cambio climático no cultivo do mexillón en Galicia

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaSada
A-
A+

O Centro Tecnolóxico do Mar organiza mañá xoves 22 de febreiro un taller sobre como facer fronte ao cambio climático no cultivo de mexillón en Galicia, un encontro para coñecer as necesidades do sector neste ámbito, analizar as previsións de cambio no caso concreto da ría Ares-Betanzos e identificar os riscos e oportunidades cara a acordar medidas de adaptación.

O do mexillón de Galicia e un dos dezaseis casos de estudio da pesca e da acuicultura mariña e continental que está a desenvolver o consorcio do proxecto ClimeFish, neste caso liderado polo Instituto de Investigaciones Marinas-CSIC.

Nesta reunión, a primeira que se celebra para este caso e que terá lugar na sede da Sociedade Recreativa, Cultural e Deportiva de Sada (10,30 horas), daranse a coñecer os avances realizados polos investigadores do proxecto e, en especial, os posibles impactos que poida ter o cambio climático sobre ese cultivo na ría de Ares-Betanzos e as accións necesarias para afrontar eses impactos.

O obxectivo do taller é traballar de maneira conxunta cos representantes do sector, coñecer de primeira man as súas percepcións sobre os efectos do cambio climático na produción do mexillón e integralas no estudo, contribuíndo a mellorar os contidos e resultados do proxecto para que sexan de utilidade para o sector.

CETMAR é un dos 21 socios do proxecto ClimeFish, que ademais do caso galego desenvolverá 16 estudios de caso para os sectores da pesca e acuicultura mariña e continental que comprenden mais de 25 especies en toda Europa, Canadá, Chile e Vietnam. O Centro Tecnolóxico do Mar é o responsable de integrar aos axentes da industria do sector da pesca e acuicultura e aos xestores públicos nas reunións de execución do proxecto.

Desde o seu lanzamento en abril de 2016 e ata 2020, o obxectivo do proxecto é contribuír a que o incremento da produción do sector pesqueiro se produza en áreas e especies con potencial para o crecemento sostible, tendo en conta as expectativas de evolución do clima, e contribuíndo ao desenvolvemento das comunidades costeiras e rurais. ClimeFish está financiado pola Comisión Europea a través do programa Horizonte 2020 e conta cun presuposto de 5 millóns de euros.

21 de febreiro de 2018 | 16:36 • Sen comentarios

Comentarios pechados.