publicidade hoxe

O Centro Ramón Piñeiro presenta o volume 18 dos seus ‘Cadernos de Fraseoloxía Galega’

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaPortada dereita
A-
A+
Presentación do volume

Presentación do volume

O Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades (CRPIH), dependente da Secretaría Xeral de Política Lingüística, presentou hoxe pola mañá o volume 18 dos Cadernos de Fraseoloxía Galega, unha revista internacional sobre fraseoloxía galega que se edita no marco do proxecto de investigación homónimo dirixido pola profesora María Isabel González Rey.

O titular de Política Lingüística da Xunta destacou que se trata “dun volume que dá o paso cara o formato dixital, xa que, ata o de agora, podíanse consultar os números dixitalmente aos seis meses de publicárense en papel”. “A partir deste 18º volume, Cadernos de Fraseoloxía Galega entra definitivamente no grupo das revistas electrónicas, de acceso libre desde o momento da publicación dos seus novos números”, concluíu.

A canda el, participaron na presentación deste Cadernos de Fraseoloxía Galega 18 o coordinador científico do CRPIH, Manuel González González; a directora do proxecto de investigación homónimo, Mª Isabel González Rey, e Xesús Ferro Ruibal, académico da lingua galega e colaborador no proxecto.

Traballos recollidos

O volume 18 mantén a mesma estrutura dos editados en papel e nel pódense ler un traballo sobre o kíkôngò (un idioma do grupo de linguas do Congo co que se aborda por primeira vez o estudo dunha lingua africana), da autoría de Dolors Català e Inocente Luntadila; outro sobre a viticultura no refraneiro galego, da man de Xesús Ferro Ruibal; un máis sobre os cinco refráns cataláns máis votados, feito por Joan Fontana i Tous; sobre unidades fraseolóxicas do portugués que teñen o bacallau como compoñente, de Ana Belén García Benito; e outro sobre fraseoloxismos da lingua alemá con compoñentes únicas, de Marek Laskowski. A estes séguenos dúas recadádivas, unha de Victoria Cerviño Ferrín, en relación coa fraseoloxía e paremioloxía de Sevil (Cuntis; que reúne 127 expresións) e outra de Manuel Anxo Martíns Seixo ligada á fraseoloxía do Cachafeiro (Forcarei; que reúne 542 unidades fraseolóxicas).

O volume conta ademais con cadansúa recensión de obras de Maria Conca e Josep Guia, Germán Conde Tarrío, Inmaculada Penadés, Mª Carmen Losada Aldrey, Alba Cid Fernández e Xurxo Fernández Carballido; así como de novas coas publicacións e congresos celebrados no ano 2016, 194 en total. Como novidade, ofrece a relación de teses e traballos de fin de grao e mestrado realizados arredor da fraseoloxía, testemuño de que que esta disciplina lingüística é cada vez máis importante nos estudos universitarios. Pecha o volume un balance que referencia a nómina dos 187 investigadores de 24 países que levan participando nos Cadernos de Fraseoloxía Galega desde o seu inicio.

Referente internacional de investigación fraseolóxica

Cadernos de Fraseoloxía Galega, revista internacional de investigación fraseolóxica, estuda a fraseoloxía e paremioloxía de calquera lingua do mundo e en calquera dos seus enfoques: estrutural, fraseográfico, tradutolóxico, comparativo e didáctico. Difúndese en Europa, América e África, recíbena todas as Universidades de España e Portugal, ademais de ser de acceso libre na Rede desde o enderezo web http://www.cirp.gal/cfg.

Admítense orixinais en oito linguas europeas, aínda que a publicación final faise só en galego, porque esta revista naceu para estimular en Galicia a recolleita e investigación da fraseoloxía galega e universal, porque forma parte do proxecto de ecoloxía lingüística do CRPIH de Santiago de Compostela e porque xenerosamente a apoian os 187 fraseológos de 24 países diferentes que xa publicaron nela.

Ao longo dos seus 18 volumes, deu conta de 66.711 expresións galegas recollidas nas recadádivas: 11.702 locucións/colocacións, 1.702 fórmulas e 53.307 refráns. Todo un exemplo da vitalidade da fraseoloxía da lingua galega.

8 de febreiro de 2018 | 18:12 • Sen comentarios

Comentarios pechados.